A sexta edición do 'Ágora Vermú' chega a Vilagarcía de Arousa para animar os domingos do municipio. Esta iniciativa consiste na celebración de catroconcertos para as catro fins de semana de maio que mesturarán a música popular galega e de corte tradicional coa máis moderna dos grupos emerxentes.
Os escenarios elixidos polo Concello para as actuacións son a rúa Camilo José Cela no Piñeiriño, a Praza da Liberdade en Carril e a Alameda na Avenida da Mariña. Todas levaranse a cabo ás 13:00 horas, no "momento do vermú".
En canto á programación, o ciclo abrirase o domingo 7 de maio coa actuación de Galifunk Brass no Piñeiriño. Este trátase dun grupo de músicos galegos que xorde inspirado polas 'brass' ou bandas americanas típicas da zona de Nova Orleáns e que realiza as súas propias versións de temas de estilo disco ou funky, entre outros.
O seguinte domingo, o 14 de maio, a música trasladarase á Praza da Liberdade coa actuación de Lou Reyes e os Rockin´ Corsarios.
O concerto da Banda de Música de Vilagarcía enmarcarase nas festas de Santa Rita tanto por data, o 21 de maio, como por escenario, en Arcebispo Lago, rúa da contorna de Vista Alegre. Para o 'Ágora Vermú', segundo o Concello, a banda ten preparado un programa especial e con música moi variada, no que dará cabida a estilos populares e tamén á música galega. Soará a marcha militar 'El Sitio de Zaragoza', o 'May way' de Sinatra ou algún tema de Mocedades.
Lontreira, banda gañadora do programa televisivo 'A Canción do Verán', pechará o ciclo de actuacións co concerto do 28 de maio na zona da Alameda de Vilagarcía. Como novidade, o grupo presentará 'Apnea', o seu primeiro traballo discográfico.