'A Galicia inédita' expón en Vilagarcía o mellor do fotoxornalismo galego

O Salnés
12 de abril 2025

A sala municipal Antón Rivas Briones de Vilagarcía acollerá a mostra 'A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego' ata o próximo 25 de maio

Inauguración da exposición 'A Galicia inédita' en Vilagarcía
Inauguración da exposición 'A Galicia inédita' en Vilagarcía / Asociación de Periodistas de Galicia (APG)

A sala municipal Antón Rivas Briones de Vilagarcía acolle a exposición 'A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego', que destaca o traballo de fotoxornalistas galegas e galegos,

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela Paz; a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez González; o fotógrafo e comisario da mostra, Fernando Blanco Rajo; o fotoxornalista local José Luiz Oubiña; e o xornalista e socio da APG Alberto Avendaño Prieto inauguraron a mostra.

Organizada pola APG e polo Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, esta exposición permanecerá aberta ao público ata o próximo 25 de maio, en horario de 10,30 a 13,30 e de 18,00 a 21,00 horas de luns a sábado; e de 11,00 a 14,00 horas os domingos.

Alberto Varela destacou a gran calidade da mostra e fixo fincapé na "importancia do fotoxornalismo, capaz de transmitir, impactar e sensibilizar ao espectador, narrando a vida cotiá dos galegos e galegas".

María Méndez sinalou que Vilagarcía de Arousa é un porto ao que esta exposición chega despois dun longo periplo polo territorio galego e nacional e "agardan" que "esta exitosa experiencia que nos permitiu facer visible o traballo de xornalistas e fotoxornalistas, volva ser acollida co mesmo afecto e veneración".

Alberto Avendaño quixo poñer o acento en que "o fotógrafo dálle ao escritor e ao espectador un campo de xogo ilimitado" e puxo en valor "a gran fotografía que se fai en Galicia”, da que destacou que "fainos trascender como seres humanos: o agravio, o desagravio, a felicidade e o noxo conviven coa perplexidade".

Fernando Blanco agradeceu unha vez máis a todos os fotoxornalistas e xornalistas que participan na mostra "porque sen eles sería imposible ter chegado onde temos chegado; con especial énfase, neste caso, aos da comarca arousá, que hoxe ocupan un lugar destacado nesta sala municipal que acolle as nosas obras".

Blanco Rajo afirmou que as fotografías da exposición "representan a unha grande porcentaxe dos fotoxornalistas que traballan na nosa comunidade e enriquécense cos textos dos xornalistas que as acompañan".

José Luiz Oubiña afirmou que "a nosa profesión está en risco", pois "competimos coas intelixencias artificiais, cos teléfonos móbiles e cos gabinetes", pero "contamos como armas para defendernos coa creatividade, coa ollada distinta, coa experiencia e coa unión para loitarmos xuntos… e sermos inéditos no noso traballo".

José Luiz Oubiña
José Luiz OubiñaAsociación de Periodistas de Galicia
Público na inauguración da exposición de fotoperiodismo A Galicia inédita
Público na inauguración da exposición de fotoperiodismo A Galicia inéditaAsociación de Periodistas de Galicia