O músico e cantante Pakolas celebrou o Día das Bibliotecas no colexio da Lama co seu espectáculo 'Rockeando con Ramona Órbita', enmarcado nas actividade de dinamización lingüística 'O galego en-canta na Lama'.
Pakolas e a ilustradora Laura Romero achegaron aos nenos e nenas do colexio e a algúns pais e nais de alumnos un espectáculo baseado na interacción e participación do público a través da súa música.
Tamén estiveron presentes o alcalde da Lama, David Carrera; e os concelleiros de Cultura e Deportes, Plácido Pillado, e de Asuntos Sociais, Trinidad Fernández.
O músico foi intercalando cancións coa historia de Ramona Órbita, unha muller labrega que posúe unha guitarra cibernética e unha máquina do tempo, o seu mellar invento.
Con ela, viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxías limpas.
A través das cancións e a narración, foi levando a audiencia por diferentes épocas. Viaxou á prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario, que acaba de descubrir o lume, e tamén ao futuro dunha sociedade mais ecolóxica e concienciada co respecto e coidado á natureza.
A ilustradora Laura Romero foi plasmando nun cadro mural o relato. O debuxo final e un libro de Pakolas quedaron ao final do espectáculo en depósito para a biblioteca do colexio.
Organizada polo Concello da Lama a través da Axencia de Lectura Municipal e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), esta iniciativa conta co apoio económico da Deputación de Pontevedra para promocionar o uso do galego entre as novas xeracións.
Rematado o espectáculo, por quendas, alumnos de quintno e sexto de Primaria participaron en dous obradoiros de chapas e 3D relacionados coa actividade.
Desde o Concello indicaron este xoves que un estudio realizado polo investigador lingüístico Xulio Sousa, membro do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago, conclúe que A Lama é o municipio no que se fala un galego máis parecido ao estándar e normativo.
En concreto, afirma que o galego oral deste concello presenta unha simillitude dun 82,9% respecto da variedade máis normativa.