Furious Monkey House despídense con agasallos musicais gravados no lugar onde xurdiron

Pontevedra
27 de novembro 2024
Actualizado: 28 de novembro

A banda pontevedresa anunciara a súa disolución e deixa para os seus seguidores unha selección de directos gravados nos estudos Bonobo e un vídeo animado do tema 'Shapeshifting'

Concerto de Furious Monkey House nas Festas da Peregrina 2023
Concerto de Furious Monkey House nas Festas da Peregrina 2023 / Diego Torrado

O anuncio da disolución de Furious Monkey House aínda deixa sorpresas e agasallos para os seus seguidores.

A banda pontevedresa ofrece en Youtube unha escolma de  temas gravados en directo no estudo de Bonobo, a escola onde xurdiu o proxecto.

A estes directos súmase un vídeo animado do tema 'Shapeshifting', parte do seu último álbum, 'Oneiric', publicado en 2023. Este vídeo foi realizado por Elena Figueiro Díaz e Vanessa Parente González, alumnas da Universidade da Coruña.

A banda anunciara en redes sociais, semanas atrás, a súa separación tras unha década de traxectoria marcada por éxitos e innovación no panorama musical.

O sexteto, formado por Mariña Paz (voz e guitarra), Carlota Montoya (batería), Diego Flores (guitarra), Irene Teijeira (guitarra), Amaya Blanco (teclados e sintetizadores) e Gonzalo Maceira (baixo e guitarra), comezou a súa andaina en 2015 na Escola de Música Bonobo de Pontevedra, baixo a guía do seu director, Gonzalo Maceira.

Ao longo da súa traxectoria, Furious Monkey House acadou fitos destacados co seu debut 'Run' (2015), onde ofreceron o tema 'With My Hands', que superou o millón de reproducións en YouTube; o tema principal da banda sonora de Zipi e Zape e colaboracións como 'Play With Sky' xunto a Ziggy Marley.

A súa música, que sempre se moveu entre o grunge, o pop alternativo e referencias a bandas como Pixies ou Radiohead, consolidouse con tres álbums: 'Run' (2015), 'Love, Scum & Dust' (2019) e 'Oneiric' (2023).

Nun comunicado dirixido aos seus seguidores, o grupo confirmaba que chegou o momento de seguir camiños separados, pero prometeron un concerto en directo, aínda sen data marcada:

“En (case) 10 anos aprendemos moito xuntos, pero sabemos que é o momento de iniciar novas etapas por separado. De todas formas, queremos facer unha despedida en directo proximamente, así que ¡estade atentos para futuras datas!”.