A situación xerada pola pandemia do coronavirus impedirá que a quinta edición do congreso Fugas e Interferencias, dedicado a fomentar o estudo académico da arte de acción, poida celebrarse no outono como estaba previsto.
A organización decidiu desbotar a celebración, presencial ou virtual, do único evento académico centrado nesta disciplina que se desenvolve en España, e que cada ano tiña como sedes a Casa das Campás e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
Con todo, non se trata dunha suspensión completa. O comité do congreso decidiu elaborar e publicar un libro que recolla artigos sobre a performance, seleccionados entre os traballos que nas próximas semanas lles fagan chegar os investigadores.
Ata o 30 de xuño permanece aberto o prazo de presentación de traballos para este congreso organizado pola Universidade de Vigo coa colaboración do CGAC, que dirixen o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo e a investigadora e crítica de arte Marta Pol.
"Antes de anular esta edición, pensamos que esta podería ser unha boa solución", salienta Pol respecto da decisión de centrarse na publicación dunha nova edición do libro no que cada ano recollen os traballos defendidos no marco do congreso.
Deste xeito, "aseguramos que a masa crítica que estivemos creando ao longo destes anos non se vai perder", engade Tejo, que incide na importancia de que "non exista un oco na historia dun congreso que chegou a súa quinta edición colleitando un éxito notable".
As investigacións articularanse en torno a catro liñas de análise; tres delas, as que centran o debate académico do congreso desde a súa primeira edición.
Trátase da reflexión teórica sobre a arte de acción, o estudo do seu "carácter híbrido" e as súas relacións con outras disciplinas como a videoarte ou a danza, e as súas "interseccións co contexto político", entre elas a performance desde a perspectiva de xénero e o feminismo.
A estas súmase unha cuarta liña, centrada no comisariado, para dar resposta "á necesidade de explorar un aspecto da arte de acción que demasiadas veces queda mergullado na propia práctica" e que "require de investigación e conceptualización", como defende Marta Pol.