A decisión de escoller á profesora María Victoria Moreno como escritora homenaxeada con motivo do Día das Letras Galegas 2018 baseouse, segundo explicaba este luns en Pontevedra o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, nos méritos da salientable figura da que foi profesora en institutos de Lugo, Sanxenxo e Pontevedra, ademais da dinamización que pode achegar á lingua galega no debate social.
Freixanes destacaba que María Victoria Moreno é a cuarta muller á que se dedica o Día das Letras Galegas e a súa elección supón elevar a un terreo oficial algo que é normal na rúa referíndose á presenza enorme de escritoras na literatura e, sobre todo, en escritura infantil e xuvenil con recoñecemento internacional. Víctor Freixanes indicaba que precisamente a homenaxeada realizou unha importante produción literaria destinada para ese público.
Tamén apuntou á súa condición de profesora activa, comprometida coa lingua, coa ilusión de construír un país moderno sen renunciar á súa identidade e á súa lingua como un elemento do seu patrimonio. O académico pontevedrés lembrou que a María Victoria Moreno retiráraselle o pasaporte por explicar a lingua galega aos seus estudantes, "que a recordan como unha activista moi importante".
Por último, Freixanes lembrou que María Victoria Moreno era de Valencia de Alcántara (Cáceres) de nacemento pero galega de "nación consciente", ao ser ela quen decidiu ser galega, igual que outros autores como Kristina Berg, Ursula Heinze, Xosé Antonio Perozo ou John Rutherford. O director da Real Academia Galega afirmaba que a cultura galega ten esa capacidade de sedución e incorpora a persoas de fóra que deciden ser galegos porque queren. "É un factor para reflexionar en positivo", engadiu.
Ademais asegura que como pontevedrés espera que o municipio teña especial protagonismo nos actos de homenaxe á escritora porque María Victoria Moreno residiu e faleceu nesta cidade, pero engadiu que dependerá da decisión dos académicos, da familia e da propia capital da provincia.
Por outra banda, Víctor Freixanes que está a dar os seus primeiros pasos á fronte da RAG subliñou a importancia de que esta institución conte con estabilidade financieira, xa que o orzamento anual é dun millón de euros, insuficiente para que os 25 traballadores que forman parte dela poidan dar cobertura a todos os compromisos. Lembrou que a academia de Euskadi conta con 3 millóns anuais de orzamento e o Instituto de Estudos Cataláns achégase aos 10 millóns.
E engadiu que entre as súas prioridades atópase a de escoitar á xente e que a academia se abra a profesionais, novas xeracións e profesores que queiran achegar sobre a cultura propia que, recalcou, tamén é un patrimonio económico.