A Granxa de Briz acolleu este sábado a final autonómica de batallas de rap organizada por BHB (Best Hit Battles). O lugués Sozat alzouse co título de campión fronte o vigués Jota, ambos clasificados á final nacional que se celebrará en Alicante.
A tarde do sábado deixou en Marín un evento cheo de talento galego, con varios concertos de músicos locais, un alto nivel nas batallas de freestyle e un público entregado que se achegou ao centenar de persoas. O organizador da competición, Bastián Hermo, calificou a Final Autonómica como "un gran éxito en todos os sentidos".
O gran espazo que ofrece a Granxa de Briz xunto a unha tarde solleira, propiciou que moitas persoas da contorna da cidade se achegaran a gozar deste evento de música urbana polo que o Concello de Marín apostou os últimos anos.
O espectáculo comezou co concerto do grupo pontevedrés MKP Crew, que presentou varias das cancións pertencentes ao seu primeiro disco como grupo, o cal sairá á luz ao longo deste verán.
Posteriormente deron comezo as batallas de rap cunha rolda de "todos contra todos" que serviría para definir os cruzamentos dos cuartos de final. Os oito participantes deron un alto nivel na primeira rolda, pero só catro deles alcanzarían as semifinais.
Antes de disputar as batallas que definirían os dous finalistas e, por conseguinte, os clasificados á final nacional, o públicó gozou dos concertos do artista pontevedrés Gapcloser e o marinense Alexandre, que ofreceron un show acorde ás expectativas.
A primeira das semifinais enfrontou a dous vigueses, Jota e Galez. O choque saldouse coa vitoria de Jota, vixente campión da pasada edición, que repetiría como clasificado á Nacional de Alicante por segundo ano consecutivo.
O segundo billete á cidade alicantina xogaríanllo o lucense Sozat e Ser, MC de Ferrol que sorprendería coándose entre os catro mellores ofrecendo un gran nivel. Finalmente sería Sozat quen se levaría a batalla, clasificandose a unha final idéntica á vivida no 2022, repetindo xunto a Jota como clasificado á gran final nacional.
Con estes resultados nas semifinais, Jota e Sozat veríanse as caras na final da competición coa garantía de lograr a clasificación á final de Alicante por segundo ano consecutivo. Finalmente sería o lucense Sozat quen se alzaría co galardón de campión galego fronte a Jota, que non puido revalidar o seu título da pasada edición.
O vencedor da tarde, Sozat, explicaba que "é un evento con roldas longas e hai que dar o callo. Sempre que hai batallas gozamos todos xuntos". Doutra banda, mostrouse optimista para a Nacional afirmando que "o 2022 foi unha toma de contacto, vou tentar mellorar o meu posto do ano pasado".
O outro finalista e o seu compañeiro de viaxe, Jota, mostrouse satisfeito xa que "me vin ben, con moitas ganas de ir a Alicante. Sei como é ese parque, é un dos meus favoritos de España, e tratarei de mellorar a miña actuación do ano pasado".