Fredi Leis: "O mundo da música é moi inestable. Levántome cada día e loito porque isto dure toda a vida"

O Salnés
05 de agosto 2016

De público habitual nos seus concertos a subirse ao escenario do Náutico do Grove. Ese é o camiño que percorreu Fredi Leis, un mozo santiagués que está protagonizado unha carreira fulgurante no mundo da música. Tras conseguir en apenas uns meses máis de 400.000 escoitas en Soundcloud, o artista galego presenta Días grandes, o seu primeiro EP, co que se converteu nunha das revelacións máis recentes da música española

Fredi Leis, nunha das súas imaxes promocionais
Fredi Leis, nunha das súas imaxes promocionais

De público habitual nos seus concertos a subirse ao escenario do Náutico do Grove. Ese é o camiño que percorreu Fredi Leis, un mozo santiagués que está protagonizado unha carreira fulgurante no mundo da música. Tras conseguir en apenas uns meses máis de 400.000 escoitas en Soundcloud, o artista galego presenta Días grandes, o seu primeiro EP, co que se converteu nunha das revelacións máis recentes da música española.

Nunha entrevista con PontevedraViva, Fredi Leis fala do concerto deste domingo 7 de agosto, a partir das oito da tarde, do que promete será "bastante emotivo". Ademais, repasamos con el como están a ser os seus primeiros anos nun mundo tan complicado como o da música e de algo que, recoñece, "se me va a quedar para toda la vida": haber teloneado a Alejandro Sanz na súa última xira por España.

É o teu primeiro concerto no Náutico. Imaxínome que será unha honra compartir cartel con artistas tan grandes, non?

Desde logo. É un luxo poder estar nun cartel de artistas tan bos. Eu fora moitas veces ao Náutico a ver concertos alí doutra xente. Xa tiña moitas ganas de dar un concerto especial en Galicia e creo que é o lugar indicado para iso.

Ademais, retomas a túa xira tras acompañar como teloneiro a Alejandro Sanz...

Si, acabamos hai uns días na Coruña. Agora retomo os meus concertos. Antes de tomarse quince días de vacacións e desconexión quería acabar cun concerto grande na miña terra e con toda a banda. É como unha pequena despedida, pero só por un tempo. En setembro volvemos á carga.

E como foi acompañar a alguén da talla de Alejandro Sanz?

"Eu creo que se conseguiron cousas moi bonitas. Foi empezar desde cero. Ninguén sabía que eu facía cancións"

É algo que se me vai a quedar para toda a vida. A impresión que sentes ao saír é moi grande ao ter que cantar ante miles e miles de persoas. Pero estamos moi contentos porque o público recibiunos dunha forma incrible, dando palmas, cantando os temas... Non me esperaba que saíse tan ben porque cando un vai de teloneiro sabe ao que vai. Esa xente vén ver ao artista. Ir alí e ver que te arroupan así de ben foi unha alegría moi grande.

Hai tres anos publicabas na Internet as túas primeiras cancións. O teu foi unha carreira frenética. Que pensas cando botas a vista atrás?

Eu creo que se conseguiron cousas moi bonitas. Foi empezar desde cero. Ninguén sabía que eu facía cancións. Aínda que tamén che digo que como non se traballe e non consigas que funcione, isto pódese acabar calquera día. O mundo da música é moi inestable. O que fago é levantarme cada día e loitar porque isto dure toda a vida.

Por que optaches por Internet para empezar?

Tíveno moi claro. Sabía que a día de hoxe coas tecnoloxías que hai podes estar no salón da túa casa e con só pulsar un botón unha canción túa pasa a ser de todo o mundo. Parecíame a forma correcta e máis directa que tiña. Elixín Soundcloud porque a plataforma chamoume a atención. A partir de aí empezáronse a compartir nas redes sociais. Estou moi agradecido a todos os que se pararon a escoitar unha canción e compartila. Sen eles non estaría aquí.

Esperabas ter ese éxito?

Non o pensei, a verdade. Eu sabía que quería vivir sobre un escenario e parecíame que ese era o paso que había que dar. Non pensei moito máis alá diso.

E que crees que foi o que funcionou coa túa música?

Quizá que falo de temas cotiáns. Creo que se algo funcionou, unha das cousas é esa. A día de hoxe está moi de moda os monólogos cómicos. A todos nos pasa que o que din fainos graza porque son cousas que pensamos todos e non as dicimos. Coas cancións é algo similar. Cando falas do día a día que nos pasa a todos, a xente séntese identificada con eses sentimentos ou esas cancións.

E que papel xoga en todo isto o teu encontro con Rozalén en Santiago?

Moito. Ata o punto que nesa comida que fixemos xuntos, empecei a falar cun home que estaba ao meu lado. Chámase Ismael Guijarro e terminou sendo o produtor do meu EP. Creo que foi a decisión correcta. Teño que agradecerlle moito a Rozalén que me axude tanto. Adoita chamarme para que a acompañe nos seus concertos. Axuda a que a xente che vexa. Fala moi ben dela e da súa xente.

Ese EP é Días grandes. Contento de como funcionou?

Moi contento. É como unha carta de presentación. Son seis temas nos que facemos de todo, unha pincelada para que a xente se faga unha idea do que vai ver no concerto, A miña idea é gravar un disco canto antes, con moito agarimo e moito mimo. E sobre todo tomando as decisións correctas. É un paso que había que dar. Agora toca esperar o momento para sacar poder sacar un disco.

E como encaras o futuro?

"A miña idea é gravar un disco canto antes, con moito agarimo e moito mimo. E sobre todo tomando as decisións correctas"

Pois nos queda un concerto máis en Ourense e despois terei quince días de parón. A partir de setembro sacaremos un novo single e empezaremos a gravar en segundo videoclip... e a esperar que pasen cousas. Na música podes planear concertos pero non moito máis aló.

É difícil abrirse camiño neste mundo hoxe en día?

Non é fácil, sobre todo se queres chegar a moitas partes de España ou cruzar o charco e necesitas que che acompañe unha banda enteira. A nivel económico se non es un artista consagrado é complicado. Pero eu teño moita ilusión e iso importa moitísimo. Estamos a facer as cousas ben, paso a paso e cos pés no chan.

E os que te vaian a ver ao Náutico que se van a atopar?

Será un concerto bastante emotivo, vai gustar. Imos ofrecer un pouco de todo. Haberá momentos con toda a banda encima do escenario con cancións máis vivas e enérxicas e outros momentos máis íntimos eu só co piano. Animo a todos a que veñan, o sitio é o paraíso e imos pasar un bo momento.