O sábado 7 desenvolverase a 'V Xornada de Onomástica Galega', que organiza a Real Academia Galega (RAG). Nesta ocasión analizaranse os nomes comerciais e o valor que outorgan á lingua galega.
Debido á situación provocada pola covid-19, o formato escollido para esta ocasión será exclusivamente telemático, eliminando a asistencia presencial ao Museo de Pontevedra. Inaugurarase pola deputada de Lingua, María Ortega, coa presenza de Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, e da académica coordinadora do programa Ana Boullón.
A canle de Youtube da RAG retransmitirá a xornada en directo. Durante a sesión analizaranse as denominacións comerciais dos viños do Ribeiro, os nomes de bares e restaurantes do barrio vigués de Coia ou os de establecementos de Redondela. Temas moi pouco explorados historicamente, segundo a organización.
Participará nesta edición, entre outros, o coordinador do seminario de Onomástica da Academia, Antón Santamarina, que ofrecerá unha análise sobre as marcas comerciais desde unha perspectiva filolóxica. Tamén o profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado expoñerá a relación entre as marcas, as empresas e os dominios na internet. Tras eles, a profesora Sara Míguez tratará os resultados dun traballo de campo centrado na rotulación de locais dedicados a diversos negocios no Concello de Redondela.
Víctor F. Freixanes ofrecerá un percorrido pola historia das cabeceiras dos xornais galegos e seguirá coa intervención de Raquel Rodríguez sobre os viños do Ribeiro.
As intervencións continuarán durante a tarde finalizando cunha mesa redonda na que participarán Elena Ferro, Xosé González Martínez, Irene García e Raquel Boo. O evento conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo.