Fina Casalderrey recibirá a Letra E nun acto público previsto para o 10 de xuño en Pontevedra

Pontevedra
02 de xuño 2023

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Carme Fouces, concelleira de Cultura; e Cesáreo Sánchez, presidente da asociación de escritores/as galegas (AELG) presentaron as actividades que se van desenvolver nesa xornada consistentes no descubrimento do monólito conmemorativo na Ponte da Palabra; un acto oficial no Teatro Principal e un xantar de confraternidade no Liceo Casino

Presentación no Concello da homenaxe á escritora Fina Casalderrey
Presentación no Concello da homenaxe á escritora Fina Casalderrey / Juan Manuel García

A escritora Fina Casalderrey decidiu a cidade e o espazo en que o sábado 10 de xuño recibirá a homenaxe da asociación de escritores/as galegas (AELG). Será na contorna de Ponte da Palabra onde se instalará un monólito de pedra cunha frase gravada por un canteiro, tamén escollida pola propia autora de Xeve na que se amosará o seu amor pola cidade e polo río Lérez.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Carme Fouces, concelleira de Cultura; e Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, presentaban este xoves os actos previstos para esa xornada que pretende ser "entrañable" e aberta a toda a cidadanía, especialmente a persoas lectoras das súas obras e a aqueles escolares que mantiveron relación con ela durante os seus anos de docencia e tamén durante as distintas edicións do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, ás que a autora sempre acode, segundo indicaba o rexedor pontevedrés.

"Esta homenaxe é absolutamente merecida. Non creo que haxa ninguén non Concello de Pontevedra que non ame a Fina Casalderrey" afirmou Lores ao insistir en que "especialmente o que me gusta é o seu amor por Pontevedra, por Lérez, polo río Lérez, por Xeve. Por iso escolleu o entronque da Ponte da Palabra para poñer o seu monólito, que creo que é o sitio máis axeitado para facelo".

"É unha persoa que ama esta cidade, a este país e á lingua", continuou o máximo representante do Concello de Pontevedra, "cada vez que a escoito falar cáeme a baba porque fala con esa delicadeza, con ese coñecemento profundo da lingua, cunha naturalidade e sonoridade... que eu estaría escoitándoa falar durante varias horas". Fernández Lores tamén lembrou que o colexio de primaria de Monte Porreiro leva o nome da autora de 'Dúas bágoas por máquina' (1992) ou de 'O misterio dos fillos de Lúa' (1995).

Carme Fouces tamén explicou que se trata dunha homenaxe "merecidísima" para unha escritora que logrou a "proeza" de figurar como candidata do Estado español a ser Premio Hans Christian Andersen, o máis importante galardón no xénero de literatura infantil e xuvenil, e cuxa resolución será coñecida en 2024.

Lores sobre Fina Casalderrey: "cada vez que a escoito falar cáeme a baba porque fala con esa delicadeza, con ese coñecemento profundo da lingua"

Cesáreo Sánchez, pola súa banda, expuxo que a asemblea por unanimidade da AELG decidiu outorgarlle a letra E a unha escritora que leva toda a vida, desde moza, traballando nas aulas, na época da ditadura franquista, elaborando as súas propios materiais para ensinar nas aulas realizando "unha educación non só de amor ao país, de poñer en valor a cultura e o idioma; senón de calidade pedagóxica, abrindo camiños en plan autodidacta".

"Todo aquilo que toca faino con dignidade e cunha altura ética importante e con moitísima altura", explicou o presidente da asociación, que sinala que os actos desa xornada serán "un feliz encontro" coa inauguración do monólito, a plantación dun acivro, árbore escollida pola propia integrante da Real Academia Galega, para que creza na zona de Ponte da Palabra. Será ás 11.30 horas coa intervención da propia homenaxeada.

A continuación, a actividade trasladarase ao Teatro Principal onde ás 12.30 horas entregarase a Fina Casalderrey a Letra E, peza escultórica de Soledad Penalta; cunha laudatio da autora, a cargo de Montserrat Pena Presas e a intervención da homenaxeada.

Finalmente está prevista un xantar de confraternidade na sede de Manuel Quiroga do Liceo Casino. Aquelas persoas interesdas en acudir deberán anotarse ata o 5 de xuño no correo electrónico oficina@aelg.org indicando nome, apelidos e número de teléfono.