Fina Casalderrey destaca o labor dos impulsores da lectura en idade infantil

Este luns celebrouse na Biblioteca Pública de Pontevedra a lectura do Manifesto IBBY por parte da escritora Fina Casalderrey, o ilustrador Víctor Rivas e a libreira Luz Gallego. Esta cita supón o acto previo á celebración do Salón do Libro

De esquerda a dereita, Fina Casalderrey, Luz Gallego, Víctor Rivas e a concelleira, Carmen Fouces
De esquerda a dereita, Fina Casalderrey, Luz Gallego, Víctor Rivas e a concelleira, Carmen Fouces

Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e a celebración do Salón do Libro a un tiro de pedra, este luns tivo lugar a lectura do Manifesto IBBY por parte da escritora Fina Casalderrey, o ilustrador Víctor Rivas e a libreira Luz Gallego, Nenuca. A IBBY é un colectivo formado por diferentes asociacións e figuras comprometidas co fomento da lectura infantil.

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola foi o escenario escollido para a celebración deste acto, que contou coa presenza da concelleira de Educación e Cultura, Carmen Fouces. Tamén se realizou a presentación da exposición 'Convidemos a ler', unha serie de 18 pezas resultantes da pasada edición do Concurso Nacional de Cartel da FILIJ (Feira Internacional del Libro Infantil e Xuvenil).

A cita coincide co aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen, escritor e poeta danés, autor de clásicos infantís como 'A pequena serea' ou 'O parruliño feo'. Fina Casalderrey quixo homenaxear a figura do escritor que, segundo as súas palabras, constitúe un símbolo da "primeira biblioteca" de todos os nenos e nenas, os contos de tradición oral. Andersen foi un autor que recolleu estes contos populares e posteriormente editounos, algúns dos cales foron traducidos a máis de 80 idiomas.

Tamén se fixo unha mención especial a María Victoria Moreno, figura que será homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, como lembrou  Casalderrey. A escritora fixo referencia a unha das frases máis famosas da autora estremeña, "as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos".