O Salón do Libro de Pontevedra afronta a súa segunda fin de semana cunha programación chea de actividades para todos os públicos, despois de recibir preto de 4.000 visitas durante os primeiros días do evento, que comezou o pasado venres 21.
A programación do venres 28 estará marcada polo espectáculo "Miserábeis" do IES Illa de Ons ás 19:00 horas, que esgotou entradas hai semanas.
Os máis pequenos poderán gozar dos contos "Do berce á lúa" de Tania Justo, mentres que o público familiar ten a oportunidade de vivir as historias de "O lobo feliz" de Miguel Guido, que combina contos e música no Recinto Feiral.
O sábado 29 ofrece unha oportunidade única para observar de forma segura a eclipse solar ás 11:00 horas. Ademais, os bebés de 0 a 3 anos poderán asistir á estrea de "Pitiminí" de Iria Pinheiro e Davide González, con sesións ás 12:00, 17:00 e 18:30 horas.
Un dos momentos destacados da xornada será o espectáculo exclusivo "Silence, Musique, Action!" creado pola Orquestra Sinfónica de Pontevedra especialmente para o Salón, que fusiona música francesa, cine e humor para achegar os xenios do cinema mudo ao público familiar.
O domingo 30 celebrarase a quinta edición da Troca de Libros, entre as 11:00 e as 14:00 horas, unha iniciativa que busca dar unha segunda vida aos libros e na que participan 18 centros educativos, ANPAS e a Escola Oficial de Idiomas.
Ese mesmo día, ás 12:30 horas, terá lugar o espectáculo "Luppo", parte da xira de despedida da compañía pontevedresa Baobab Teatro, con entradas a 3 euros en venda anticipada en Ataquilla.com.

A programación dominical complétase coa proxección de "Dilili en París" de Michel Ocelot no Teatro Principal ás 12:00 horas, e coa estrea de "O camiño de Oz" de María Faltri ás 18:00 horas, unha sesión de contacontos e música baseada na famosa obra de Frank Baum.
Ao longo de toda a fin de semana haberá numerosos obradoiros de cociña, ilustración, arte, cinema e creación de videoxogos, ademais de sesións de contos itinerantes a cargo do Carballo con botas.
Toda a programación do Salón do Libro está dispoñible nesta ligazón.
