Fin do parón estival para o Cineclube Pontevedra, que pon os seus ollos no cine iraniano

Pontevedra
06 de setembro 2023

O cinema iraniano será un dos grandes protagonistas da programación de setembro do Cineclube Pontevedra que, tras o merecido parón estival, regresará a partir do luns 11 ao Teatro Principal para retomar a súa actividade cultural

Presentación da programación de setembro do Cineclube Pontevedra
Presentación da programación de setembro do Cineclube Pontevedra / Concello de Pontevedra

O cinema iraniano será un dos grandes protagonistas da programación de setembro do Cineclube Pontevedra que, tras o merecido parón estival, regresará a partir do luns 11 ao Teatro Principal para retomar a súa actividade cultural.

Será con cinco proxeccións que traerán á cidade as últimas obras do director iraniano Jafar Panahi, do romanés Cristian Mungiu e do danés Hlynur Pálmason. Ademais, en colaboración coa Filmoteca de Galicia, haberá un ciclo dedicado ao tamén realizador iraniano Abbas Kiarostami.

Este ciclo, que continuará durante o mes de outubro, abrirá a súa programación coa película Onde está a casa do meu amigo? (1987), unha das obras mestras de Kiarostami, ambientada nunha escola ao norte de Irán e nos problemas dun dos seus alumnos co su mestre.

O segundo filme deste director que se poderá ver é E a vida continúa (1992). Será o luns 25 de setembro. Nela, combinando ficción e realidade nunha road movie lúdica e conmovedora, aborda a vida nunha vila que, tras seren asolada por un gran terremoto, enfróntase á traxedia.

Nas súas sesións habituais dos martes, a primeira delas o martes 12, proxectarase Os osos non existen (2022) de Jafar Panahi. Narra como desde unha aldea iraniana fronteiriza, un director de cinema perseguido polo réxime dirixe a distancia unha rodaxe en Turquía.

O martes 19 será a quenda de R.M.N. de Cristian Mungiu. É a historia dun home que regresa a casa tras deixar o seu traballo en Alemaña. Mentres se implica na educación do seu fillo, unha empresa local decide contratar traballadores estranxeiros, o que trunca a tranquilidade da vila.

A última película de setembro, o martes 26, será Godland de Hlynur Pálmason. A acción traslada o espectador a finais do século XX cando un sacerdote danés que viaxa a Islandia coa misión de construír unha igrexa e fotografar os seus habitantes acaba envolto nas súas tentacións.

Todas as películas proxectaranse, ás oito e media da tarde, en versión orixinal e subtituladas en castelán ou galego, no caso de que sea posible. 

Na presentación desta programación, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, destacou o labor do Cineclube "por traer películas que ás veces é difícil atopar dentro de circuítos máis comerciais e que poden xerar certo medo".

"É unha moi boa selección de películas e é un luxo para Pontevedra poder contar cunha asociación como esta que fai un traballo desta calidade e permite achegarnos a estas filmografías que doutro xeito serían moi complicadas de ver", engadiu.