O XIII Memorial Filgueira Valverde xa está aquí. Este mércores comezou da man do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que defendeu a figura de Filgueira Valverde como "un polígrafo nos tempos nos que xa non quedaban polígrafos".
O memorial, organizado polo Museo de Pontevedra e a Vicerreitoría do campus da Universidade de Vigo en Pontevedra, céntrase este ano 2014 no intelectual pontevedrés coincidindo coa súa elección para o Día das Letras Galegas do vindeiro ano.
Creador literario, filólogo, arqueólogo, historiador, antropólogo... foron moitas as facetas de Xosé Filgueira Valverde que se puxeron de relevo na inauguración dun memorial que, a través de catro conferencias, trata de ofrecer unha ampla e actualizada visión sobre un intelectual ao que "ningún campo do saber lle foi alleo", como destacou a deputada provincial Ana Isabel Vázquez na inauguración deste ciclo, nunha información difundida polo Diario da Universidade de Vigo.
Ana Isabel Vázquez estivo acompañada polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; o director do Museo e coordinador do memorial, Carlos Valle; e o fillo do homenaxeado e presidente da fundación que leva o seu nome, Fernando Filgueira.
Alonso Montero foi o encargado do relatorio co que deu comezo este memorial e definiu a Filgueira Valverdee como "un xigante da cultura galega". Quixo poñer en valor a capacidade do escritor e profesor pontevedrés para afondar en múltiples campos do saber.
O XIII Memorial Filgueira Valverde continúa este xoves cun relatorio do actual presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, para logo retornar con dúas novas sesións a vindeira semana. Para o mércores mércores 12 está programado o relatorio Filgueira Valverde e Pontevedra. Datos e conxecturas, a cargo do director do Museo, Carlos Valle, e o ciclo clausurarase o xoves 13 coa participación do catedrático emérito da Universidade de Santiago Xosé Ramón Barreiro, que impartirá unha conferencia titulada Filgueira Valverde historiador.