O alumnado e profesorado da EPAPU Río Lérez recibiu o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2015 na modalidade de Educación Secundaria, Formación Profesional, Bacharelato e Ensinanzas Especiais polo traballo 'Filgueira Rima con Armenteira'.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, felicitou ao centro pola súa capacidade de sintetizar en dez carteis a variada obra de Filgueira Valverde e transmitir a importancia deste autor na construción da Galicia presente e futura. Destacou tamén a guía didáctica que acompaña a exposición na que o profesorado poderá apoiarse para explicar os carteis e, desta forma, dar relevancia ao traballo de Filgueira Valverde para a lingua, a literatura e a cultura galega.
Neste acto de entrega do premio estiveron presentes o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís; o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación, César Pérez Ares; a deputada provincial de Cultura, Isabel Vázquez; o director da EPAPU Río Lérez, Carlos Manuel Medina e o presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do polifacético intelectual, José Fernando Filgueira.