Bueu volverá ser o escenario o próximo 10 de maio do IV Festival artístico solidario 'Art for change', que promove o IES Johan Carballeira coa colaboración do Concello.
Este luns, o alumnado de 4º da ESO e o profesorado mantiveron unha reunión con Carmen García, concelleira de Cultura, para expoñer as necesidades de cara a este evento que tivo unha gran acollida en anos anteriores.
Nesta edición, e segundo avanzou o alumnado, traballarán para concienciar sobre a importancia do coidado do benestar emocional, concretamente na mocidade.
Agora mesmo atópanse en pleno proceso de planificación para o que contan con toda a comunidade educativa do centro, con accións como o deseño dunha alfombra floral, o logo, produtos para a venda e investigacións sobre o tema.
O evento terá tamén unha parte solidaria, a través da recadación de fondos para apoiar a entidades sociais da contorna. Neste caso serán a Asociación DOA, adicada ás persoas con enfermidades mentais e a defensa dos seus dereitos, e, aínda pendente de confirmar, outro colectivo da contorna que traballa na formación e promoción integral das persoas con discapacidade intelectual.
O obxectivo é favorecer os procesos de transformación social a través da arte e da cultura.
Entre as actividades propostas para o festival, haberá concertos, exposicións, exhibición de baile tradicional, exhibición de produtos audiovisuais, obradoiros para todos os públicos, exposición de produtos escolares, como experimentos, poesía, murais matemáticos etc.
Ademais, convidarase a participar a outros centros educativos así como asociacións culturais da contorna.
O Festival 'Art for change' naceu no curso 2021/2022 como parte dun proxecto Eramus+ no que se analizou xunto a outros seis países (Lituania, Estonia, Irlanda, Portugal, Francia e Turquía) como vivir a carón do mar enriquece e transforma a vida nas vilas mariñeiras.