Os Feroz, "súper felices" coa acollida "espectacular e sen precedentes" que lles deu Pontevedra

Pontevedra
27 de xaneiro 2025

A organización empezará a traballar en breve nos Premios Feroz 2026, unha edición na que prometen "repetir coa mesma intensidade" pero apostando por novos ciclos e novas actividades

Laura Seoane e Miguel Anxo Fernández Lores fan balance da gala dos Feroz 2025
Laura Seoane e Miguel Anxo Fernández Lores fan balance da gala dos Feroz 2025 / Concello de Pontevedra

Pontevedra brillou con luz propia no universo dos Feroz. A organización subliña que "se cumpriron os mellores prognósticos" e, a falta dun merecido descanso, "estamos desexando empezar a traballar na gala do ano que vén".

"Estamos súper felices e encantados coa acollida espectacular que nos deu a cidade. Foi algo sen precedentes", destacou Laura Seoane, produtora executiva destes premios, que fixo balance do evento acompañada do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

A gala dos Premios Feroz contou con 1.112 invitados, aos que se sumaron 171 xornalistas acreditados de 87 medios de comunicación de todo o país.

Entre todos eles, houbo 1.100 persoas pasando a noite nos establecementos hoteleiros da cidade. Todos os invitados aloxáronse en Pontevedra, fóra dun pequeno grupo que quedou no parador de turismo de Cambados, segundo detallou a organización.

A estas noites de hotel hai que sumar as preto de 200 pernoitas máis que realizaron directamente as persoas convidadas á gala do sábado.

Ademais, na cerimonia colaboraron 71 estudantes de entre 18 e 29 anos, 45 deles da Universidade de Vigo, repartidos entre os graos de Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas e Belas Artes, e outros 26 do CIFP Carlos Oroza.

Houbo ademais unha visita guiada pola cidade para os invitados aos Premios Feroz, contratada polo Concello de Pontevedra, na que participaron unhas 110 persoas.

A todos estes datos, os Premios Feroz suman a notable participación do público nas 29 actividades previas organizadas nos meses anteriores á gala, cunha asistencia media do 90%, ou os contactos establecidos con Novos Cinemas ou a pasarela Debut.

A gala dos Feroz 2025, emitida por La 2 de RTVE, foi vista por unha media de 327.000 espectadores, un 3,1% de share. Até 2.120.000 persoas conectaron nalgún momento coa cerimonia, sendo "a audiencia máis alta da nosa historia", segundo Laura Seoane.

"AÍNDA ESTAMOS NUNHA NUBE", AFIRMA O ALCALDE

O alcalde, pola súa banda, asegurou que "aínda estamos nunha nube" tras o éxito "sen paliativos" dunha gala que demostrou que "Pontevedra e a súa xente sempre están á altura".

"Vivimos unha noite divertida e reivindicativa, unha noite na que o nome de Pontevedra foi compartido milleiros de veces", sinalou Fernández Lores, que destacou que aínda que "puxemos o listón moi alto" na edición de 2026 "seremos capaces de elevalo".

Lores celebrou especialmente a "amabilidade e colaboración" que toda a cidade brindou aos Premios Feroz, engadindo que Pontevedra "respondeu como só a súa veciñanza sabe", tanto no momento da cerimonia como en toda a programación previa.

Ademais, o rexedor felicitou a La Dani, polo seu traballo "espectacular" como presentador da gala, e a todos convidados que "falaron tan ben de nós e da nosa xente", converténdose así en "prescritores" da Boa Vila, e que encomiaron a idea de descentralizar este tipo de eventos.

"Agora toca sentarnos a valorar o resultado e traballar para os Feroz 2026", concluíu o alcalde de Pontevedra, unha nova edición na que a organización dos premios promete "repetir coa mesma intensidade" e apostando por novos ciclos e novas actividades.