Fernando Fernández Rego revisa no gastroespazo do mercado os anos 80 en Galicia

Pontevedra
08 de novembro 2024
Actualizado: 13:51

O autor de 'Unha historia da música en Galicia' presentou o seu novo traballo 'Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo e Underground'

Presentación de  'Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground', de Fernando Fernández Rego
Presentación de  'Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground', de Fernando Fernández Rego / Mónica Patxot

Este xoves 7 de novembro, o gastroespazo do mercado de abastos de Pontevedra acolleu a presentación do libro 'Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo e Underground', unha obra do investigador Fernando Fernández Rego editada por Editorial Galaxia.

Este ensaio ofrece un percorrido polo vibrante e rupturista panorama dos anos 80 en Galicia, unha década que marcou un antes e un despois na música e nas artes da rexión.

Fernando Fernández Rego, autor recoñecido por 'Unha historia da música en Galicia', centra este novo libro na música como eixo principal, pero tamén fai paradas na contracultura, os fanzines, o audiovisual, a poesía e a plástica.

O ensaio está ateigado de imaxes e ofrece unha análise profunda do Atlantismo e da Movida, aportando diversas opinións e perspectivas que o tempo foi xerando, e convidando á reflexión e ao debate arredor destas temáticas.

Presentación de  'Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground', de Fernando Fernández Rego
Presentación de  'Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground', de Fernando Fernández Rego  Mónica Patxot

Nado en Ferrol en 1979, Fernández Rego é licenciado en Química pola Universidade de Santiago de Compostela e exerce como profesor de educación secundaria.

Ademais, administra a web musical LaFonoteca.net, coordina a sección de música da revista Grial e escribe para Mondosonoro, Luzes e Rockdelux, colaborando con múltiples plataformas, tanto dixitais como impresas.

O autor ten unha extensa traxectoria literaria que inclúe a novela 'Desorden' (2009), e ensaios como '50 Anos de pop, rock e malditismo na música galega' (2010) e 'Galicia en clips' (2012).

Tamén publicou biografías de bandas e artistas galegos, como 'Los Contentos' e 'Andrés do Barro'. 

Presentación de  'Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground', de Fernando Fernández Rego
Presentación de  'Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground', de Fernando Fernández Rego Mónica Patxot