Fermin Muguruza ofrecerá no festival Revenidas o seu derradeiro concerto en Galicia da súa xira 40 aniversario.
O músico vasco, que ven de encher o Movistar Arena de Madrid e o Palau Sant Jordi de Barcelona, é unha das grandes incorporacións que o Revenidas suma ao seu cartel.
Outro gran artista, neste caso galego, que tamén estará en Vilaxoán, do 11 ao 14 de setembro é Baiuca.
O músico de Catoira, a gran referencia da fusión da música tradicional galega coa electrónica, chega no mellor momento da súa carreira, trala publicación de Barullo, considerado por moitos medios entre os mellores discos de 2024.
Ademais do euskera de Fermin Muguruza e o galego de Baiuca, o "festival das linguas" tamén suma á súa proposta o catalán de Les Testarudes, banda barcelonesa formada por nove mulleres cun son orientado cara ao ska, o rocksteady e o reggae.
Dende a baía de Cádiz chegan F.R.A.C. (Fundación de Raperos Atípicos de Cádiz), banda que fusiona rimas ao estilo "romanceiro gaditano" sobre instrumentais de dub, dancehall e rap.
E dende Portugal chegará un dos proxectos de reinvención máis orixinais da música tradicional do país veciño, Omiri, unha mestura de folk tradicional con música electrónica.
Tamén se suman ao Revenidas 2025 Onza, quinteto asturiano de rock-hardcore liderado por Pepo, o que fora cantante de Desakato.
A representación deste segundo avance do Revenidas complétase cuns clásicos do festival como son Dakidarría e co desenfado bailable de Monouilous Dop.
Estas novas incorporacións engándense as bandas que xa estaban anunciadas: Riot Propraganda, Dubioza Kolektiv, Heredeiros da Crus, The Baboon Show, Sés, Bewis de la Rosa, Dick Move e Hugo Guezeta.