Febreiro no Cineclube será de Fellini polo cen aniversario do seu nacemento

Pontevedra
29 de xaneiro 2020

Hai apenas unha semana, o 20 de xaneiro, cumpríase o centenario do nacemento dun dos grandes mestres do cine europeo, o italiano Federico Fellini. Co gallo desta celebración, o Cineclube Pontevedra decidiu dedicar o mes de febreiro a repasar a súa filmografía

Fotograma da película "As noites de Cabiria", de Federico Fellini
Fotograma da película "As noites de Cabiria", de Federico Fellini / PontevedraViva

Hai apenas unha semana, o 20 de xaneiro, cumpríase o centenario do nacemento dun dos grandes mestres do cine europeo, o italiano Federico Fellini. Co gallo desta celebración, o Cineclube Pontevedra decidiu dedicar o mes de febreiro a repasar a súa filmografía.

Será coa proxección de tres películas que, como vén sendo habitual, poderán verse no Teatro Principal todos os martes -salvo o último do mes-  ás 20.30 horas.

O ciclo comezará o día 4 coa película La strada, Óscar á mellor película de fala non inglesa en 1956. Nela, o mago de Rimini narra a historia dunha rapaza (Giulietta Masina) que, tras a morte do seu pai, é vendida a un artista ambulante ao que dá vida o actor Anthony Quinn. Malia o carácter violento e agresivo deste, a moza sentirá atracción polo seu estilo de vida.

Unha semana despois, o martes día 11, será a quenda de As noites de Cabiria, tamén protagonizada por Giulietta Masina. Na película, que tamén gañou o Óscar en 1957, a actriz encarna a una moza que exerce a prostitución nun dos barrios máis pobres de Roma e que, na busca do amor verdadeiro, é vítima de sucesivos vividores que se aproveitan dela.

O peche do ciclo será o martes 18 coa película Oito e medio que, como as outras dúas, recibiu o Óscar no ano 1963. Marcelo Mastroianni encarna neste filme ao alter-ego do propio Fellini, un director de cinema que atravesa unha profunda crise creativa e que, mentres busca a inspiración. vaise sumir progresivamente nos seus recordos, soños, pantasmas e alucinacións. 

Todas as películas proxectaranse en versión orixinal subtitulada en español.