Regresan os vermús literarios 'Un ronsel de historias', que organiza a ACDeM Armadiña de Poio. Nesta quinta edición o escenario establécese na praza situada na Praia do Padrón e a primeira actuación chegará este domingo 8 de maio a partir das 12.30 horas.
A primeira cita será con Antía Yáñez, autora que presentará 'Non penses nun elefante rosa', publicada por Edicións Xerais. O acto será conducido por Almudena Acuña.
O segundo evento chegará o 15 de maio coa tradutora Maite Jiménez Pérez, que presentará 'Circe', de Annie Vivanti, publicación de Rinoceronte Editora. A tradutora estará acompañada por Beatriz-Aranzazu Soto Caba. Os actos continuarán o 22 de maio coa participación da editora María José Mielgo Busturia e as autoras Tamara Andrés, Milagros Bará, Encar Roda e Silvia Rodríguez Coladas. Falarán sobre 'Pil-pil e lacón con grelos', de Literarte Editorial.
O ciclo destes encontros literarios finalizará o domingo 29 de maio con 'O tío Florencio', un espectáculo da poeta Fátima Delgado no que dialoga co seu parente Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas, utilizando materiais do arquivo familiar.
A organización de Armadiña conta coa colaboración do Concello de Poio e o apoio da Libraría Combarro, que instalará un posto para que as persoas interesadas poidan adquirir as obras literarias.