O pintor Manuel Aramburu faleceu este sábado aos 79 anos en Pontevedra, tan só un día despois de que a Deputación de Pontevedra dese a coñecer que o recoñecera cun Premio Provincial á Cultura.
Aramburu, considerado un dos mestres da pintura contemporánea en Galicia, é natural de León, pero toda a súa vida profesional está vinculada a Pontevedra. Unha faceta artística na que está unido á "xeración de vangardas e silencios", da que forman parte un grupo de artistas que desenvolveron a súa actividade creativa a partir da posguerra española. É posterior, polo tanto, a artistas como Manuel Colmeiro Guimarás ou Laxeiro, e anterior á nova escola artística galega, marcada quizais a partir da experiencia Atlántica nos anos 80.
O pintor, nacido o 8 de abril de 1936. iniciou a súa aprendizaxe no mundo da pintura en Pontevedra, cidade á que a súa familia tivo que emigrar despois do seu nacemento a raíz da Guerra Civil. En 1969 foi internado pola Deputación de Pontevedra para estudar en París, momento no que tivo a oportunidade de estudar o impresionismo, estilo polo que se sentía especialmente atraído e cuxa influencia nunca abandonou.
Con exposicións e obras en diferentes museos galegos e nacionais, Manuel Aramburu tivo un especial recoñecemento en Alemaña, en concreto en Colonia, cidade na que expón practicamente de xeito anual ata o ano 1988. No ano 1975 obtivo a Primeira Medalla da Bienal de Pontevedra.
A súa última exposición, Da infancia á madureza, foi unha mostra antolóxica que organizou o Museo de Pontevedra en colaboración coa Deputación no ano 2013.
Unha constante ao longo de toda a súa traxectoria é a súa faceta de retratista, estudoso de mestres como Velázquez, Francisco de Goya e Lucentes ou Fernando Álvarez de Sotomayor, que o levan a aceptar o encargo de retratar en diversas ocasións aos Reis don Juan Carlos I e Don Felipe VI, ou a realizar a galería de retratos da Academia Naval de Marín ou dos decanos da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela.