Fai caso a Lady Elizabeth Stanley, con Ponteatro "non che dará chegado a próxima"

Pontevedra
27 de xaneiro 2023

O ciclo Ponteatro regresa este mes de febreiro a e traerá a Pontevedra espectáculos "de primeiro nivel" con temáticas variadas como o feminismo, a memoria histórica, a política con posicionamentos neofascistas ou a pederastia, todas elas "acordes co mundo que estamos a vivir"

Carmen Fouces presenta o ciclo Ponteatro
Carmen Fouces presenta o ciclo Ponteatro / Concello de Pontevedra

O ciclo Ponteatro regresa este mes de febreiro a Pontevedra. Será o día 9, cunha primeira sesión ás 21.00 horas no Teatro Principal, Miss Docet, de Compañía Eléctrica. Abrirá unha programación de seis espectáculos que pechará o 22 de abril no Pazo da Cultura con  ‘Altsasu’, de La dramática errante.

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentou este venres o ciclo, que traerá a Pontevedra espectáculos "de primeiro nivel" con temáticas variadas como o feminismo, a memoria histórica, a política con posicionamentos neofascistas ou a pederastia, todas elas "acordes co mundo que estamos a vivir". 

Esta nova edición de Ponteatro emprega, como é habitual xa no departamento de Cultura, un cartaz baseado nun catro de pintura clásica. Nesta ocasión, trátase da obra 'Lady Elizabeth Stanley' realizada por George Romne. 

Fouces considera que é "moi acaído" polo "aire moi teatral" de Lady Elizabeth e tamén pola mensaxe que acompaña a pintura: "non che dará chegado a próxima función".

Cinco dos seis espectáculos serán no Teatro Principal de Pontevedra ás 21.00 horas e o último trasladarase ao auditorio do Pazo da Cultura.

Todas manteñen prezos populares de oito euros por función (con descontos para estudantes e persoas desempregadas e maiores de 65 anos) e un abono de 32 euros para as seis do ciclo.  As entradas soltas e os abonos están xa á venda en Ataquilla.com e tamén unha hora antes no despacho de billetes do Teatro ou do Pazo.

A obra inaugural do 9 de febreiro é o novo proxecto teatral da Compañía Eléctrica, Miss Docet, con temática de memoria histórica. Ten como protagonista a Emilia Docet, a muller coñecida por ser a 'miss España galeguista', militante do Partido Galeguista, do que levaba unha insignia no peito cando se converteu en miss España. Recupera desde a escena a potencia dunha xeración de galegas que viu truncada a súa historia por un golpe de estado ilegal, e contribúe á loita para evitar que os seus nomes e os seus pasos desaparezan das nosas memorias.

O 2 de marzo o espectáculo será 'Vox Populi', de Malasombra, unha ópera rock con música e letras orixinais, interpretada en directo por doce actrices, actores e músicas que fala do continuo crecemento da ultradereita en todo o mundo e da súa influencia negativa nunha grande cantidade de temas como: a inmigración, as liberdades e os dereitos sociais.

O 9 de marzo será a quenda de 'Hamelin', de Redrum Teatro, con texto de Juan Mayorga, sobre o tema da pederastia. É unha versión áspera do conto tradicional que se parece ao mundo no que vivimos, no que as nenas son as primeiras que pagan. Neste sentido, o Hamelin que non sabe protexer as súas nenas é como moitas cidades do noso mundo.

O 30 de marzo o ciclo continúa con 'Morte accidental dun anarquista', de Talía Teatro. Baseada en Milán en 1969 conta a historia dun anarquista que falece tras caer pola ventá dunha comisaría na que está sendo interrogado pola policía. É unha obra mestra da farsa con hábiles toques satíricos na que Dario Fo pon en evidencia a natureza da policía, os seus métodos manipuladores e a súa función represora, así como o importante papel dos medios de manipulación masiva. 

En abril o ciclo terá dúas funcións na mesma semana, como remate a toda a programación.

O 20 de abril estará no Teatro Principal 'Continente María', de Ainé Producións, unha montaxe que pretende recuperar e homenaxear a figura de María Casares coincidindo co centésimo aniversario do seu nacemento. Válese da súa figura para falar da propia condición dos artistas nun mundo en continuo cambio

'Altsasu', de La Dramática Errante pecha o ciclo o 22 de abril no Pazo. Trátase dunha ficción creada a partir do caso Altsasua (Navarra), un altercado no que se viron implicadas varias veciñas do pobo, dous axentes da Garda Civil e as parellas destes.