O venres 27 de xuño inaugúrase a exposición individual de pintura de Galia Blanco no Palacete das Mendoza, en Pontevedra.
Galia Branco naceu en 1974 en Santiago de Compostela. Licenciada en Periodismo, publicou numerosas críticas de arte no Diario El Mundo edición para Galicia, El Mundo del Siglo XXI, e na revista Galicia, entre outras e foi directora de Comunicación da Fundación Eugenio Granell.
Pintora e xornalista viviu dende a súa infancia un ambiente de artistas e expón dende moi nova en exposicións individuais e colectivas.
Galia Blanco presenta nesta exposición unhas pintura de cores planas e vibrantes, temas urbanos e rurais, persoas e obxectos varios, nunha liña pop, que ela mesma cualifica como agro-pop.
Este o texto que a artista escribiu para a exposición que leve por título Extintor en mano.
"Pedinlle a Clint Eastwood que apunte aos malos e, por se acaso, tamén ao futuro. Pídollo en amarelo, para que todos se decaten. E tamén por triplicado, como nun bo contrato.
Os viláns andan soltos e eu teño medo. Explícollelo aos meus cans, que sempre me escoitan, ás vacas no campo, que é onde teñen que estar, e volvo mirar o Facebook para saber de vós, sen falar. Gústame ver as fotos que colgades, salvo as de comida, e ler artigos estraños -Non sabía que tivésemos gustos tan raros-. Asino un par de protestas e regreso á realidade.
Busco a miña salvación no cine, as mulleres fortes e dignas como Bacall e en Clint, que se fixo un sentimental, pero perdóolle. Tamén na miña nai, que non fixo tantas pelis, pero me levou a un par delas.
Busco, busco, busco e ao final todo se mestura: o amarelo de Clint converteuse nunha raia baixo outra azul e unha verde, violeta e vermella. Tornouse pequeniño, como eu cando me asusto e se multiplicou, como cando soño.
Pero no caos non se pode vivir e recordo un bar vello preto da aldea dos meus avós, cun reloxo de marca (Trina) e un extintor. Gústame o extintor, serve para apagar o lume, romper portas e abrir a cabeza dos infames.
Síntome mellor.
Hoxe durmo extintor en man."