A exposición 'Fuxan os ventos. 50 anos de historia' ofrece visitas guiadas e actividades especiais para escolares

Pontevedra
12 de outubro 2024

A exposición fai un percorrido polas cinco décadas de historia de Fuxan os ventos, ofrecendo unha experiencia enriquecedora con documentos únicos ou material relacionado coa censura

Visita á exposición 'Fuxan os ventos. 50 años de historia'
Visita á exposición 'Fuxan os ventos. 50 años de historia' /

A exposición 'Fuxan os ventos. 50 anos de historia', dedicada a celebrar o legado da emblemática agrupación musical galega, estará aberta ao público no Pazo da Cultura até o 13 de novembro.

Comisariada por Sabela Fraga, coa dirección artística de Melania Freire e a coordinación de Noa Díaz, inclúe un valioso arquivo de fotografías, instrumentos, material sonoro e pezas inéditas achegadas polos integrantes do grupo, institucións e coleccións privadas.

Nela faise un percorrido polas cinco décadas de historia do grupo, ofrecendo unha experiencia enriquecedora non só a través dos obxectos expostos, senón tamén con documentos únicos, como textos inéditos ou material relacionado coa censura.

Para gozar dela, o Concello de Pontevedra organizou unha serie de visitas guiadas tanto para o público xeral como para estudantes.

A máis exclusiva celebrarase o sábado 26 de outubro ás 18:00 horas, na que membros do grupo realizarán un percorrido de hora e media que permitirá aos asistentes descubrir anécdotas e detalles detrás das pezas expostas. As inscricións xa están abertas a través da web apuntate.pontevedra.gal.

Ademais, o Concello planeou unha serie de visitas especialmente dirixidas a estudantes de Bacharelato de Artes e departamentos de música, que terán lugar o 22 e 30 de outubro. Estas serán máis breves, de 45 minutos, e poderán xestionarse escribindo a escolarespazodacultura@gmail.com.

As libres poden realizarse no horario habitual da sala, de martes a venres de 18:00 a 21:00 horas, sábados de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas, e domingos e festivos de 12:00 a 14:00 horas. Os luns permanecerá pechada.