Durante os días 23 e 24 de novembro celebrarase o XII Encontro de Conservación e Restauración no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, unha cita na que se debaterá sobre 'Museos sostibles? Xestión, museografía e restauración'.
Analizarase estes aspectos en relación co coidado do medio ambiente coa presenza de persoas expertas de museos, institucións e entidades privadas de Noruega, Países Baixos, Portugal e España.
Ao longo de once conferencias, organizadas en tres bloques, trataranse as propostas e experiencias de institucións públicas e privadas para establecer criterios de sustentabilidade na xestión do patrimonio cultural
Morien Rees, responsable do grupo de traballo de sustentabilidade do ICOM, abrirá as charla para deixar paso a representantes do Ki Culture de Amsterdam, unha organización que traballa pola sustentabilidade na cultura, do Museo Guggenheim de Bilbao e do equipo redactor do 'Libro verde para a xestión sostible do patrimonio cultural', que acaba de publica o Ministerio de Cultura e Deporte.
Durante a tarde trataranse as prácticas museográficas sostibles, con representantes de tres empresas do sector que tratarán as alternativas para evitar o impacto ambiental ofrecendo propostas do ecodeseño, a iluminación, e a optimización que presenta a mellora tecnolóxica.
Xa o venres, na última sesión, trataranse as metodoloxías verdes aplicadas á conservación e restauración, con prácticas que reducen o efecto da pegada de carbono ou a xestión de residuos.
Tamén está prevista un repaso polos proxectos do Instituto do Patrimonio Cultural de España para avaliar métodos de conservación máis sostibles.
A inscrición para acudir a este encontro, que organiza o Museo de Pontevedra en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, permanece aberta. É gratuíta e permanecerá aberta ata o 20 de novembro na web do encontro.
O encontro oriéntase a profesionais de museoloxía e está aberto a estudantes de disciplinas relacionadas coa temática. As prazas son limitadas.