Unha experiencia creativa para público adulto e xuvenil da man da artista JJ Richards

Pontevedra
12 de novembro 2024
Actualizado: 14:52

Xa está aberta a inscrición ao obradoiro 'Un mapa é unha ponte', que se celebrará o sábado 23 de novembro no Edificio Castelao

JJ Richards
JJ Richards / Museo de Pontevedra

Xa está aberto o prazo para inscribirse no obradoiro do Museo de Pontevedra 'Un mapa é unha ponte. Experiencia de creación con JJ Richards'.

Trátase dunha actividade de creación dirixida a público adulto e novo, sen necesidade de experiencia previa. Celebrarase o sábado 23 de novembro, de 12 a 13:30 horas, no Edificio Castelao. A inscrición realízase por correo electrónico a reservas.museo@depo.gal. Hai 12 prazas dispoñibles.

Este obradoiro de creación ten como obxectivo experimentar coa creación dun mapa a partir de fragmentos da novela 'Pensar para atrás', da artista JJ Richards (Tres Hermanas Libros, 2023).

A propia autora dirixe esta actividade, na que propón considerar a obra como un xerme de significación aberto á experimentación que xere novas experiencias posibles nos visitantes.

Convídase ás persoas participantes a percorrer o espazo e a colaborar na creación dun mapa real ou simbólico, acompañadas pola autora.

A experiencia pretende explorar narrativas dixitais, xerar diálogos e favorecer a reflexión en grupo. O obxectivo é explorar o poder terapéutico da escritura e a expresión artística, facilitar a expresión e integración emocional das vivencias persoais e promover o benestar integral e a saúde emocional a través da arte e a creatividade.

JJ Richards naceu en Bos Aires, vive en Madrid e pasa longas tempadas en Galicia. É artista, deseñadora, ilustradora e arteterapeuta. Formouse en The Art Students League de Nova York, Contemporary Art Academy de Londres e na Escuela Argentina de Arteterapia de Bos Aires. Actualmente participa en diversos programas do Centre of Applied Jungian Studies e está complementando a súa formación en historia da arte na Art Explora Academy pola Sorbonne Université de París.