Euskal Herria visita Pontevedra para un intercambio cultural no Salón do Libro

Pontevedra
11 de marzo 2022

Unha delegación procedente de Euskal Herria visitaba este venres día 11 a cidade de Pontevedra con motivo da inauguración da XXIII Edición do Salón do Libro, programa onde a cultura vasca foi invitada co obxectivo de realizar un intercambio de coñecementos entre ambas comunidades

A delegación de Euskal Herria xunto ao alcalde Lores
A delegación de Euskal Herria xunto ao alcalde Lores / Raquel Currás Martínez

Unha delegación procedente de Euskal Herria visitaba este venres día 11 a cidade de Pontevedra con motivo da inauguración da XXIII Edición do Salón do Libro, programa onde a cultura vasca foi invitada co obxectivo de realizar un intercambio de coñecementos entre ambas comunidades.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu para dar un paseo polas rúas da Boa Vila á coordinadora estatal da Rede de Escolas Asociadas á UNESCO, Luisa Márquez; á presidenta de UNESCO Etxea, Nieves Hernández; e a tres representantes do centro educativo Zumaiena: Isaac Aramberi Aguirre, director xeral e dantzari; Edurne Aizpurua, coordinadora e profesora; e Raquel Benítez, técnica de educación infantil e psicomotricista. 

Como cada ano, Lores agarda que a visita sexa beneficiosa para ambas partes. Tamén aproveitou a ocasión para mostrar a súa emoción por recibilos e as ganas de coñecer a súa danza, literatura e ilustraciónsdurante as actividades programadas polo Salón para os vindeiros 17 días a través de artistas como a escritora Concha Pasamar, a contacontos Ana Apika e dantzaris de bailes tradicionais vascos.

Tras o paseo, Nieves Hernández asegurou que queren aportar e aprender do que se fai na localidade, polo que durante os próximos días achegaranse máis educadores de Euskadi para traer experiencias relacionadas cos seus pobos.

Isaac Aramberi será o primeiro en compartir información sobre o proxecto posto en marcha na súa escola, 'Ipuinak sorkuntza eren sehaska' (en galego: 'Os contos son o berce da creatividade'), mediante o cal o alumnado pode ser partícipe da creación dun conto infantil con obxectivos pedagóxicos. Nel colaboran estudantes adicados á escritura e ao debuxo, de modo que están presentes en todo o proceso.

Desde a Rede de Escolas Asociadas á UNESCO agradeceron ao Salón pola súa cooperación por segundo ano consecutivo. Este 2022 son acollidas 63 contribucións de escolas de diversos países, como Angola, México ou Croacia; fronte ás 15 participacións do ano anterior. Luisa Márquez puntualizou que é unha maneira de establecer vínculos e apreciar as culturas entre as diversas comunidades.

A apertura do programa será este venres 11 ás 18:30 horas no Pazo da Cultura co espectáculo coral 'Salón de marabillas salvaxes', a cargo do grupo Aldaolado. Para asistir, é necesaria a reserva de entradas de balde en ataquilla.com

Arquivado en