Arte e Marín serán, durante este ano 2025, sinónimo de Eusebio Rivero Veiga. O artista será nomeado Artista Marinense do Ano.
Segundo a información facilitada polo Concello de Marín, no mes de febreiro o Museo Torres acollerá unha exposición pensada ex profeso para este nomeamento, coa que quere transmitir un discurso duro e real baseado na poesía material. Mostrará unhas piezas que se caracterizan pola súa simplicidade plástica e a súa complexidade formal.
O propio artista explica que "os obxectos que mostro non buscan a eternidade, senón que pretenden abrir un espazo para a reflexión, rompendo a idea de obras que o imaxinario colectivo non considera creacións propiamente artísticas, poñendo así en xogo a creación puramente estética e presentando a obra artística como un obxecto descontextualizado capaz de reflectir un pensamento".
Ademais da mostra, editarase un catálogo como conmemoración do nomeamento.
O nomeamento, proposto polo Concello e o comisario da exposición, o pintor Antón Sobral, farase efectivo o día da inauguración da mostra en febreiro.
Natural da parroquia de Cantodarea e licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, Eusebio Rivero conta cunha longa traxectoria plástica, con numerosas exposicións, premios e recoñecementos, como o de Xóvenes Valores da Bienal de Pontevedra ou o Pintor Laxeiro, de Lalín, entre outros.
Ademais de artista, é docente de ensinanza secundaria e bacharelato.
O nomeamento de Artista Marinense do Ano é unha distinción impulsada desde o Concello de Marín para poñer en valor as traxectorias daqueles artistas con ADN marinense que colocan o municipio no mapa. Xa foron recoñecidos Ánxeles Iglesias (2014), Antón Sobral (2015), Celeste Garrido (2016), Miguel Villanueva (2017), Katsumi Yamaguchi (2018), Ramón Lorda “Deside” (2019), Rosa Crespo (2020), Xaquín Soneira (2022), Belén Diz Juncal (2023) e Alfonso Sola (2024).