Eugenia Tenenbaum falará da perspectiva de xénero nos museos do século XXI

13 de xaneiro 2025
Actualizado: 23:31

Esta charla abre o programa de actividades para celebrar o décimo aniversario da Asociación de amigas e amigos do Museo de Pontevedra

Eugenia Tenenbaum
Eugenia Tenenbaum /

A historiadora da arte, escritora e divulgadora, Eugenia Tenenbaum será a encargada de abrir a programación de actividades que a Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra ten pensado, neste 2025, para celebrar o décimo aniversario da entidade cultural.

Este primeiro encontro celebrarase o vindeiro venres, 17 de xaneiro, ás 19 horas, no salón de actos do Palacete das Mendoza, con entrada libre ata completar aforo.

Esta actividade titúlase, 'Desafíos para un Museo do século XXI' y, en palabras do presidente das Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, Ernesto Vázquez-Rey, constitúe "unha oportunidade excepcional para charlar sobre temas centrais nos Museos e Galerías de Arte de todo o mundo, como a introdución da perspectiva de xénero nas coleccións ou as distintas lecturas expositivas dende fóra do cánon académico".

Vázquez-Rey cre que é "certamente emocionante" poder contar con voces novas do panorama cultural español na programación da entidade e que se queiran achegar ao Museo de Pontevedra, "reafirmando o carácter supraprovincial que tivo a institución dende a súa creación en 1927".

A autora de 'La mirada inquieta' e 'Las mujeres detrás de Picasso' será tamén a convidada que asista xunto a Vázquez-Rey á actividade formativa do CIFP Carlos Oroza, que o propio venres ofrecerá un menú baseado no receitario recollido por Ángel Arcay no libro 'Las 1001 recetas del Palacete de las Mendoza'. 

Este ciclo de actividades conmemorativas, que conta coa colaboración da Deputación e do Museo de Pontevedra, terá continuidade durante os vindeiros meses.