Estrea dun documental e un libro sobre a figura de Xosé Velo

Pontevedra
17 de abril 2022

O acto será o vindeiro sábado 23, dous días despois do aniversario oficial do seu nacemento, o 21 de abril. O Evento vai desenvolverse no salón de Plenos da Deputación de Pontevedra ás 11.30 horas, coa presenza da presidenta provincial Carmela Silva e a deputada de Memoria Histórica, María Ortega

O político galego Xosé Velo
O político galego Xosé Velo / Deputación de Pontevedra

Con motivo do 106 aniversario do nacemento do político Xosé Velo Mosquera, a Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, celebrará un acto no que se estreará o documental titulado 'Xosé Velo. O liberador ibérico', ademais de presentar o libro con textos escollidos de Velo no que se inclúen poemas, textos, artigos e outro material do autor que foron recuperados e adquiridos polo organismo provincial.

O evento está previsto para o sábado 23, aproveitando que o nacemento se producía o 21 de abril de 1916. O salón de Plenos da Deputación de Pontevedra converterase en escenario deste acto a partir das 11.30 horas coa presenza da presidenta provincial Carmela Silva e da  deputada de Memoria Histórica, María Ortega.

Para acudir é necesario inscribirse no correo [email protected]indicando nome completo das persoas asistentes e o teléfono de contacto.

María Ortega sinala que este acto pretende seguir loitando contra a  desmemoria e rescatar a figura do liberador, ao lograr que o mundo se fixase nos pobos europeos sometidos polo fascismo ideando o secuestro do buque Santa María (Santa  Liberdade), e logrando tamén que o propio John F. Kennedy tratara na súa primeira rolda de prensa como presidente.norteamericano a situación das ditaduras de Salazar en Portugal e de Franco en España.

A Deputación de Pontevedra adquiriu documentos en diferentes formatos, produto da actividade política e cultural do autor partidario da independencia de Galicia. Trátase de poemas da década dos anos 30 e dos 70 e case todos eles inéditos. Tamén figuran artigos, cartas, fotos persoais, ensaios e fondos audiovisuais.

Xosé Velo, natural de Celanova, foi secretario  xeral do Consello Nacional da Federación de Mocidades Galeguistas en 1936. Foi detido en Vigo, despois da guerra, e acusado de realizar actividades antifranquistas. Fuxiu a Portugal e trasladouse a Venezuela onde presidiu a Lareira Gallego. En 1959 fundou o DRILL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) con exiliados españois e portugueses. Foi o encargado de dirixir no ano 1961 o secuestro do transatlántico Santa María, unha acción coa que quixo denunciar as ditaduras de España e de Portugal. Xosé Velo falecía en Sao Paulo en 1972, país en que foi acollido como exiliado político.