Este domingo 'faiponting' na Illa das Esculturas e no Pazo da Cultura

Pontevedra
28 de maio 2013

O domingo 2 de xuño desenvólvese unha visita que ten como obxectivo dar a coñecer dous espazos culturais emblemáticos que marcan a paisaxe da Xunqueira do Lérez. Para realizar a visita é necesario inscribirse previamente no Pazo da Cultura

Paseo da Illa das Esculturas
Paseo da Illa das Esculturas / Juan Mejuto

O domingo 2 de xuño, o tempo acompañará para que todos aqueles que se apunten a participar de Faiponting poidan realizar esta actividade sen necesidade de paraugas por unha ruta que permitirá coñecer polo miúdo dous dos espazos máis interesantes de Pontevedra. Por un lado, a Illa do Cobo, tamén coñecida como Illa das Esculturas e por outro, o Pazo da Cultura.

A ruta iniciarase ás 11 da mañá na porta principal do Pazo. A artista Itziar Ezquieta e o arquitecto Santiago Ezquieta mostrarán o interior deste edificio e o Recinto Feiral, ambos os dous obra do arquitecto Manuel de las Casas. A visita permitirá subir ata a cuncha do edificio, un espazo que segundo a xerente, Piar Portela, conta cunhas vistas magníficas polo que recomenda realizar a visita cunha cámara fotográfica. Durante o traxecto, os participantes poderán tamén observar a exposición Nova York, Milán Viena, Pontevedra coa explicación do artista Antón Sobral. E os máis pequenos contarán con obradoiros infantís.

A partir das doce do mediodía iniciarase a ruta pola Illa do Cobo que permitirá ir coñecendo as diferentes esculturas combinadas con actuacións de danza e tamén de teatro a cargo da compañía Tanxarina.

Pola tarde, a ruta comezará ás 17 horas e, de novo, contará con exhibicións de danza galega a cargo de artistas como Cristina Balboa ou Begoña Cuquejo, de cantos improvisados a cargo de Trioliro Regueifeiros e música da man do Trío Cordas.

A visita finalizará con música. Primeiro a través dun paseo sonoro cos sons realizados con múltiples mecanismos de dio3Stu & alg-a lab e a partir das oito co concerto íntimo Primordiais, Cantos na eira.

Para poder asistir é necesario apuntarse previamente no Pazo da Cultura en horario de 8 a 14 horas ou chamando o 986.833.061.