Estas son as Plumas de Ouro e de Prata e o Premio de Fin de Curso do Garaxe Hermético

Pontevedra
08 de agosto 2023

Tanto os títulos de fin de curso coma a entrega das Plumas e os premios de fin de curso, terán lugar en nun acto de benvida ó novo curso 2023-24, no Pazo da Cultura de Pontevedra o venres 15 de setembro

"Dinocarreiras", de Lucía Cid
"Dinocarreiras", de Lucía Cid / O Garaxe Hermético

O Garaxe Hermético ven de facer públicos o Premio de Fin de Curso e as Plumas de Ouro e de Prata ao alumnado máis destacado deste curso profesional de banda deseñada, pioneiro en Galicia.

As Plumas de Ouro foron para Alba Chan e Hadrián Jamardo (que terán media matrícula curso 2023-24 gratuíta) e as Plumas de Prata para Sara (Sardiña), Manuel Rial e Gael.

O premio fin de curso é para Lucía Cid (Lulu Sketch) por "Dinocarreiras". O premio consiste nun contrato editorial e a publicación da obra en galego en Retranca Editora.

Tanto os títulos de fin de curso coma a entrega das Plumas e os premios de fin de curso, terán lugar en nun acto de benvida ó novo curso 2023-24, no Pazo da Cultura de Pontevedra o venres 15 de setembro.

O Garaxe Hermético naceu hai case 12 anos en Pontevedra da man do autor de banda deseñada Kiko da Silva, que botaba en falta un centro onde poder aprender este oficio "dun xeito serio, realista e da man de profesionais en activo". Un lugar onde se simula a realidade do oficio dun xeito tan fiel á realidade que o alumnado non ten notas, se non que emiten facturas, que cobran coa moeda propia da escola os "kikoins" e as súas avaliacións son as declaracións trimestrais de Facenda.

Nas aulas de O Garaxe Hermético, imparten clase autores da talla de Miguelanxo Prado (Premio Nacional de cómic), Miguel Porto, Fernando Llor (Premio Mellor Guionista Nacional Premios Carlos Giménez), Zaida Novoa, Fonso Barreiro (Premio O Garaxe Hermético - Xerais 2022), Fernando Iglesias (Kohell) e o propio Kiko da Silva (Premio Castelao de Banda Deseñada 2014).

Tamén teñen pasado polas aulas a impartir master class centos de autores como Paco Roca, Miguel Calatayud, Enrique Fernández, Sergio Bleda, Teresa Valero, Luís NTC, Emma Ríos, Juan Díaz Canales, Jordi Lafebre, Max, PAU, Xaquín Marín, Fran Jaraba, David Rubín... e un longo etc.