Espectáculos teatrais de rúa animarán a Praza do Concello na Illa de Arousa durante a vindeira semana

O Salnés
19 de xullo 2023

Serán en horario matinal e para todos os públicos con entrada libre. Comezarán o luns 24 con Rilo & Penadique e a súa montaxe 'As do mare'

Espectáculo da compañía Sempre arriba
Espectáculo da compañía Sempre arriba / Sempre Arriba

O Concello da Illa de Arousa avanza os espectáculos que durante a próxima semana terán protagonismo na Praza do Concello coa intención de animar o ambiente estival con esta oferta de lecer.

O luns 24 comezarán as representacións coa compañía Rilo & Penadique, que ofrecerán 'As do mare', unha montaxe que narra as relacións das mulleres co mar e os faros.

O mércores 26 de xullo, Circo Chosco representa 'Oh-pera', unha función con acrobacias, danza, movementos, equilibrios e unha posta en escena orixinal. Trátase dunha montaxe chea de humor que divertirá ao público familiar.

O xoves 27 de xullo chegará 'Hoxe si' de Sempre arriba, un espectáculo en linguaxe clown, cheo de acrobacias e comicidade.

Todos estes espectáculos serán ás 11.30 horas na Praza do Concello, destinados a todos os públicos e con entrada libre.

Ademais, o domingo 20 de agosto está prevista tamén a actuación de Dani García con 'Gadalka', unha proposta de maxia na Praza do Regueiro.