Especialistas de Arxentina, Francia e Valencia avalían os filmes do FICBUEU

Bueu
29 de xuño 2019

O guionista arxentino Alejo Flah, o cofundador do Clermont ISFF Antoine López e a experta Sara Masanet. Son os tres membros do xurado internacional do FICBUEU que, esta fin de semana, está na vila para visionar os 23 filmes que integran a sección internacional do festival

Alejo Flah, Antoine López e Sara Masanet, xurado do FICBUEU
Alejo Flah, Antoine López e Sara Masanet, xurado do FICBUEU / FICBUEU

O guionista arxentino Alejo Flah, o cofundador do Clermont ISFF Antoine López e a experta Sara Masanet. Son os tres membros do xurado internacional do FICBUEU que, esta fin de semana, está na vila para visionar os 23 filmes que integran a sección internacional do festival.

Eles serán os encargados de seleccionar as obras gañadoras da Ánfora de Ouro, da Ánfora de Prata e dos once premios técnicos, mentres que para as mellores curtas galega, española e experimental haberá un xurado diferente, así como para os premios a centros educativos.

Alejo Flah guionizou e dirixiu os filmes Taxi a Gibraltar ou Sexo fácil, películas tristes. Tamén escribiu os guións da miniserie Vientos de Agua ou das películas Séptimo e La adopción. Ademais, ten impartido en escolas de cinema de España, Cuba e Arxentina. Nestes intres, atópase preparando a súa terceira película.

Antoine Lopez realizou estudos científicos e de historia da arte en Francia, onde en 1979 acabaría sendo membro fundador do Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, o maior evento dedicado ás curtas a nivel mundial, que coorganizou ata 2013. Ademais, dirixiu pezas cinematográficas moi variadas, seleccionadas en máis de corenta festivais.

Sara Mansanet, pola súa banda, é a responsable da aula de Cinema da Universitat de València e directora do Festival Internacional de Mediometrajes La Cabina, un dos dous únicos certames europeos dedicados a filmes de entre 30 e 60 minutos.

O FICBUEU celebrará a súa duodécima edición entre o 6 e o 14 de setembro.