A segunda xornada das "Visitas Cruzadas" que se celebrará o domingo 14 cos guías Jorge Coira, director de cinema, e o xornalista e blogger Manuel Gago xa quedou sen prazas.
En menos de dúas horas, os interesados en participar nesta iniciativa da Deputación de Pontevedra para ofrecer unha visión distinta do Museo de Pontevedra esgotaron as 50 invitacións para poder comprobar as experiencias destes dous coñecidos galegos en relación cos contidos das coleccións do Sarmiento e do Sexto Edificio.
Cada xornada inclúe dous itinerarios diferentes de 30 minutos de duración. O público asistente, ao remate dese primeiro percorrido, intercámbiase. Tras a segunda media hora, os dous grupos e os dous guías reencóntranse na planta superior do Sexto onde se serve un aperitivo de cortesía. Alí establécese un diálogo con cruzamento de opinións sobre a experiencia.
O programa foi inaugurado este domingo coa cantante Uxía Senlle e a actriz Isabel Risco, que tamén conseguiron un éxito na convocatoria, con todas as prazas cubertas ata o punto de que foi necesario, de maneira excepcional, ampliar a 60 o número de visitantes.
"Esta boa acollida por parte do público reafírmanos na nosa idea de que temos un Museo tan rico e tan diverso na súa colección permanente que se presta a multitude de formatos para achegalo ao público", asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, que pretende que o Museo se coñeza a través de emocións e experiencias persoais.
O 21 de maio haberá unha nova sesión das "Visitas Cruzadas" coa poeta e actriz María Lado e o xornalista da Radio Galega, Kiko Novoa. O ciclo vai pecharse o 28 de maio coa escritora Iria Collazo e o actor, dramaturgo e contacontos Quico Cadaval.
As visitas son gratuítas pero é necesario solicitar a participación a través do correo electrónico [email protected].