O Pazo da Cultura colgará o cartel de 'non hai billetes' para o concerto de Mahmood.
Así o anunciou a promotora I-radia Crea, organizadora xunto ao Concello de Pontevedra dun concerto que será unha das catro paradas que o artista italiano fará en España dentro da súa xira europea.
Mahmood actuará no Pazo da Cultura de Pontevedra o próximo 12 de maio. Farao ano e medio despois do planeado, debido a que inicialmente o seu concerto ía ter lugar en novembro de 2022 pero foi aprazado polo atraso na gravación do seu novo traballo discográfico, que agora presentará na Boa Vila.
De orixe sardo-exipcio o artista é unha das grandes figuras actuais da música italiana, alcanzando fama internacional tras gañar en 2019 o Festival de San Remo coa canción Soldi e representar o seu país posteriormente en Eurovisión cun segundo posto a que lle fixo entrar nas listas de éxito de toda Europa.
En Pontevedra Mahmood presentará o disco que publicou este mes de febreiro, titulado 'Nei letti degli altri'.