Escritores en catalán, euskera e galego escollen Pontevedra para debater sobre literatura infantil e xuvenil

Pontevedra
20 de marzo 2013

O éxito do Salón do Libro Infantil e Xuvenil axudou a que a Federación Galeusca, constituída polas asociacións de escritores en linguas catalá, euskera e galega, escolleran Pontevedra como sede do seu congreso anual. Este encontro vén celebrándose por quendas desde 1984 en Galicia, País Vasco e Cataluña e terá en Pontevedra a súa edición número vinte e nove. Será a finais do próximo mes de outubro

O éxito do Salón do Libro Infantil e Xuvenil axudou a que a Federación Galeusca, constituída polas asociacións de escritores en linguas catalá, euskera e galega, escolleran Pontevedra como sede do seu congreso anual. Este encontro vén celebrándose por quendas desde 1984 en Galicia, País Vasco e Cataluña e terá en Pontevedra a súa edición número vinte e nove. Será a finais do próximo mes de outubro.

A elección de Pontevedra é debido, segundo o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, a que este ano este congreso xirará en torno á literatura infantil e xuvenil, da que dixo, "Galicia é a comunidade autónoma que máis premios nacionais ten". Serán en total nove autores, tres de cada un dos idiomas, os que participen como ponentes nestas xornadas.

O obxectivo deste congreso é que estas tres literaturas "se comuniquen sen intermediarios" e se analice de forma conxunta a "similar problemática" que afecta a cada unha delas. Ademais das tres mesas redondas coas que contará esta xornada, celebrarase un acto lúdico-musical e varias visitas para que os autores foráneos coñezan a cidade. Trátase de eventos abertos a toda a cidadanía.

Ademais Cesáreo Sánchez sinalou que con este tipo de iniciativas "intentamos ensinar o mellor que temos no noso país e por iso é polo que tomamos a decisión de vir a Pontevedra", cidade da que valorou positivamente a súa política cultural "da que estamos especialmente orgullosos" e o seu actual modelo urbano. E é que Pontevedra xa foi sede deste congreso hai uns nove anos "e estaba todo en obras, agora que está paseable é marabillosa".

O presidente dos escritores galegos agradeceu especialmente ao Concello de Pontevedra o seu respaldo para celebrar na cidade este congreso "porque estivo a piques de non celebrarse por falta de recursos". Unha situación que comparou cos problemas que están tendo as literaturas periféricas "que están permanentemente sendo agredidas" pola política cultural do Goberno central.