Ernesto Pedrosa chama a estreitar lazos entre sociedade e a universidade da que é "amigo distinguido"

Pontevedra
23 de novembro 2017

A asociación Alumni premiou o labor do presidente do Consello Social. No acto celebrado en Pontevedra, recoñeceuse tamén aos vicepresidentes José Luis Vázquez e Francisco Novoa

Entrega de premios da Asociación de Amigos e Antigos Alumnos Alumni
Entrega de premios da Asociación de Amigos e Antigos Alumnos Alumni / Universidade de Vigo

O presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, recibiu este mércores a medalla de Amigo Distinguido 2016, que, nun acto celebrado no Casino de Pontevedra, lle outorgaba a Asociación de Amigos e Antigos Alumnos Alumni.

O seu labor a prol da institución académica e a súa "decidida colaboración" coa actividade deste colectivo foron destacados polo seu presidente, José María Franco, nun acto que contou coas intervencións do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; e do presidente do Consello Social da Universidad de Oviedo, Ladislao Azcona, no que Alumni recoñeceu tamén o labor dos seus vicepresidentes dos campus de Vigo e Ourense, José Luis Vazquez e Francisco Novoa.

Trala imposición dunha medalla que, na anterior edición, Alumni outorgara ao primeiro reitor da institución, Luis Espada, Pedrosa quixo facer extensivo o recoñecemento "a todos os membros do Consello Social e a toda a comunidade universitaria", aos que chamou a traballar para "conseguir que o camiño que compartimos Universidade e sociedade sexa cada vez máis útil".

Presidente desde 2011 dun órgano do que entrou a formar parte en 2003 e no que exerceu como vicepresidente desde 2004, este avogado pontevedrés iniciou a súa intervención lembrando que "os novos tempos requiren unha nova universidade", xa que "ningunha outra institución pode adentrarnos no que non sabemos, axudarnos a comprender un mundo tan complexo e mutable e conducirnos polo camiño do desenvolvemento".

Por todo iso, Pedrosa defendeu universidades que "amplíen a súa excelencia académica e científica", xeren valor na súa contorna e conten cunha maior avaliación externa e un maior financiamento por resultados, "e en todo isto a Universidade de Vigo cumpriu perfectamente o seu labor".

O presidente do Consello Social situou como un dos "grandes retos" do ensino superior "o achegamento dos plans de estudos á realidade empresarial e social", ao tempo que puxo en valor o papel "dos alumni e, por extensión,dos egresados, cerca de 74.000", nese obxectivo de que "universidade e sociedade sincronicen as súas accións", o que motiva a elaboración dunha "completa base de datos" de titulados na que traballa o Consello Social.

O acto que contou con numerosos representantes do tecido social e empresarial de Pontevedra.