A Lois Patiño (Vigo, 1983) gústalle traballar en varias películas ao mesmo tempo. "Resúltame mellor que focalizarme nunha soa. É máis san", afirma o director, un dos principais expoñentes do "novo cinema galego", unha denominación que non lle desagrada porque "pon unha etiqueta a algo que existía".
Actualmente ten entre mans dous novos filmes, Ariel, unha aproximación a La tempestad de Shakespeare que rodou nas Azores; e La nube del no saber, un musical sobre o silencio protagonizado por Niño de Elche. De ambos os proxectos fala nesta entrevista con PontevedraViva.
Fíxoo instantes antes de proxectar no auditorio da Facultade de Comunicación de Pontevedra, dentro do ciclo de actividades previas dos Premios Feroz 2025, a película Samsara, que recibiu en 2023 o premio do xurado na sección Encounters da Berlinale.
Que te achegou Samsara, a película coa que viñeches a Pontevedra?
Moitísimas cousas. Para empezar, traballar en dúas culturas diferentes que non coñecía. Foi enriquecedor. Independentemente de como resultase a película, había unha aprendizaxe e unha aventura vital que xa merecía a pena. E xa desde a perspectiva da linguaxe cinematográfica, foi unha aposta por un cine para ver cos ollos pechados.
Creo que dei cunha clave que conecta cunha experiencia meditativa, sensorial e de exploración de linguaxe moi radical que o público recibiu cos brazos abertos. Estivo en salas comerciais de quince países. Estou moi contento de que unha proposta desta natureza sintonizara coas inquietudes e as sensibilidades do mundo contemporáneo.
Tras as túas dúas primeiras longametraxes, Costa da Morte (2013) e Lúa vermella (2020), ambas rodadas en Galicia, foi ademais a primeira vez que decidiches ir fóra a rodar unha película
Eu sempre fun moi viaxeiro e aínda que gravara curtas en Xapón, Marrocos ou Islandia foi a primeira vez rodando fóra algo de tanta repercusión e que requirise máis traballo. Foron moitas primeiras cousas que facía por primeira vez, como gravar en analóxico en 16 milímetros ou traballar con director de fotografía porque ata esta película encargábame eu.
Era un híbrido entre documental e ficción en varios idiomas. Había moitos retos e moitas cousas que podían saír mal. E, ademais, ao provir dunha cultura cunha economía máis forte, sempre hai o perigo de caer no exotismo ou no paternalismo. Conseguimos aprender e comprender ao outro desde unha posición de humildade e creo que iso vese na película.
Tes agora dous proxectos en marcha, en diferentes fases de produción, como es capaz de compaxinar estas dúas novas películas?
A min sempre me gustou. É san para min. Os proxectos sempre se poden atascar nunha fase ou noutra. Se tes varios en paralelo e un atáscase, por causas alleas ou polo teu propio bloqueo, pasas ao outro. Evitas a posible frustración. Unha rodaxe si que necesita de ti plenamente, pero a edición e a escritura son compatibles. Funcióname mellor que focalizarme nun só.
A película que vai máis avanzada é Ariel (está nas súas últimas fases de postprodución). Nela atréveste con Shakespeare. Como foi abordar un proxecto deste calibre?
Naceu como una codirección con Matías Piñeiro, pero nos pillou a pandemia polo medio e ao final el non puido seguir. Decidín adaptala ás miñas inquietudes e ás miñas capacidades e estou moi contento. Creo que é moi boa película. A semana pasada estiven a terminar as mesturas de son e agora xa só queda atopar un festival para estreala.
É unha aproximación a La tempestad, non?
Así é. Sycorax, a curta que estreamos en Cannes en 2021, xa foi unha primeira toma de contacto. Matías e eu expomos este proxecto como unha continuación das ideas que foramos desenvolvendo entre os dous. El, desde o seu traballo sobre Shakespeare e eu desde unha experiencia contemplativa da paisaxe, desde unha presenza máis animista.
Atopamos en La tempestad un lugar onde confluían ambas as visións. É a última peza teatral de Shakespeare, na que hai unha maior presenza da natureza desde unha perspectiva espiritual. Ten bastante de comedia e rodámola nas illas Azores. Traballámola dunha maneira poética e extraendo frases de aquí e de alá.
Irene Escolar e Agustina Muñoz son as súas protagonistas. Afeito a traballar con actores e actrices descoñecidos, por que esta vez quixeches contar con xente con máis traxectoria?
Os intérpretes son, na súa maioría, xente local das Azores pero si, as protagonistas son Irene e Agustina. Vai en función da natureza do proxecto. Non é que que me guste máis unha cousa ou outra, pero ao provir do cine documental e experimental, sempre explorando novas formas cinematográficas, partín sempre do real.
Ariel ten moito tamén de meta narrativa. Reflexiónase moito sobre a interpretación. Hai personaxes con dúbidas existencialistas. A presenza dunha actriz como Irene, que coñece á perfección a Shakespeare, que traballou no teatro e que provén dunha familia de actores, dáballe á película unha dimensión maior.
A outra película na que estás a traballar, La nube del no saber, está quizá máis próxima ás túas anteriores longametraxes?
Creo que, dalgunha maneira, volvo á miña ruta, si. Provén dun libro místico inglés do século XIV sobre o universo dos ermitaños nas montañas. É un musical con Niño de Elche como protagonista, pero un musical en torno ao silencio. Traballamos cuns ingredientes que poden xerar unha alquimia interesante. Vai haber moita espiritualidade e moita transcendencia.
Tiñas a Niño de Elche en mente cando empezaches a traballar nesta historia?
Pois ao principio era unha idea máis coral. Pero Niño de Elche convidoume a facer a parte audiovisual dun disco no que estaba a traballar en 2021, La exclusión. Aí foi cando se me ocorreu que lle viría moi ben á película o ter un protagonista que conducise o relato e que o espectador puidese facer unha viaxe epifánica xunto a el.
Elixino tamén pola admiración profunda que sinto cara ao seu traballo. Entendemos a creación artística dun modo moi similar, o tratar de traspasar límites, o tentar explorar o sonoro, a música e a voz, eu a partir da imaxe e da experiencia sensorial. Ao explorar o seu hábitat e o meu creo que sairá algo sorprendente e, se todo encaixa ben, algo inesquecible para o público.
Dicías antes que en Samsara vese claramente como introduces unha nova narrativa no teu cine. Nela hai máis trazos de ficción. Seguirán estas películas ese camiño?
Si. Ao centrarme principalmente na experiencia contemplativa e na inmersión, na paisaxe e en como tratar de habitar dunha maneira íntima a imaxe e que a imaxe nos habite a nós, necesitaba o silencio para facer esa inmersión. Agora, sen perder o que creo que fun aprendendo ao longo de cada película, busco ir engadindo ingredientes.
Cada película, dalgunha maneira, dáche unha aprendizaxe. Sabendo os pasos que vou dando, agora funme achegando ao ser humano. Logo apareceu a presenza da palabra e o relato. Achégome máis aos corpos, hai máis proximidade. Vou seguir nesa liña de querer explorar tamén o relato e facelo ademais dunha maneira creativa.
Sabes que os medios adoitamos buscar etiquetas para explicar certos fenómenos. A ti metémoste no que se deu en chamar o "novo cinema galego". Estás cómodo aí?
Eu creo que non é unha invención. Púxose unha etiqueta a algo que existía. Óliver Laxe, Jaione Camborda, Eloy Enciso ou Alberto Gracia fomos crecendo xuntos. Admirámonos e querémonos. Somos unha pandilla de amigos. Fomos unha ruptura con respecto ao cine que existía antes en Galicia, sobre todo pola vontade de explorar novas formas cinematográficas.
E traballando desde a liberdade, podendo rodar as vosas películas en galego. Películas, ademais, que están a ser moi ben recibidas polo público e pola crítica.
Por sorte, fomos tendo boa aceptación internacional. Aos poucos iso nos permitiu crecer en termos de financiamento, por exemplo, o que che permite idear e imaxinar proxectos máis ambiciosos. Creo que é o devir natural. Hai que ir gañándose cada un o espazo a base de mostrar que nolo merecemos.