Entrega dos premios Johan Carballeira a Manuel López e Héctor Pena

Bueu
16 de maio 2023

A gala de entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo celebrábase este luns 15 no Centro Social do Mar e contou coa presenza de ambos premiados, ademais do alcalde Félix Juncal

Manuel López e Héctor Pena, premios de poesía e xornalismo no Johan Carballeira 2023
Manuel López e Héctor Pena, premios de poesía e xornalismo no Johan Carballeira 2023 / Concello de Bueu

Este luns celebrábase na Casa do Mar de Bueu a gala de entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, coa presenza dos gañadores de ambas as categorías, Manuel López e Héctor Pena.

Ambos recibiron unha cerámica de Carballeira deseñada por Cavalinho do Demo, ademais dun lote de libros. Os premios, dotados con 1.500 euros en cada categoría, xurdiron como homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, coñecido como Johan Carballeira, chegando a ser alcalde ata o seu asasinato a mans dos franquistas.

Xosé Leal, concelleiro de Cultura, lembrou que estes premios reivindican que a lingua galega teña unha funcionalidade total. Pola súa banda Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, tamén participou coa lectura das actas dos xurados e reivindicaba á figura de Carballeira e a defensa que facía dos mariñeiros nos seus artigos.

Manuel López recibía o premio de poesía polo poemario '831-Urb' e dedicaba o galardón á súa familia. O autor de Noia sinalou que os certames de poesía "son moi necesarios".

Pola súa banda, Héctor Pena, galardoado na categoría e xornalismo pola serie-reportaxe 'Historia inacabada do deporte galego', que publicaba Nós Diario, explicaba que a súa intención era facer o deporte galego accesible a todo o mundo á vez que dignifica os triunfos e logros do deporte en todas as disciplinas, con especial atención ao deporte feminino e paralímpico.

Por último, Félix Juncal, alcalde de Bueu, pechaba o acto insistindo no compromiso do Concello coa lingua galega e coa memoria, co "coñecemento da nosa historia". E citou a Francisco Fernández do Riejo, autor homenaxeado nas Legras Galegas 2023, para afirmar que "haberá futuro para a nosa lingua se seguimos a facer uso dela"