Cheo absoluto no Multiúsos de Arcade para gozar durante a noite do venres de 'A Penúltima', o monólogo de Carlos Blanco.
As entradas de balde esgotáronse en menos dunha hora e máis de 250 persoas acudiron á cita, enchendo todas as butacas dispoñibles.
Desde o Concello destacan que "Soutomaior viviu en primeira persoa como a súa veciñanza aposta pola cultura galega" e polo programa de normalización lingüística 'Goza do teu Punto G, o galego dáche un Punto'.
O propio Carlos Blanco iniciou o seu monólogo dicindo que "por fin" acudía a Soutomaior despois de máis de 30 anos de profesión. "Durante todo ese tempo non recibín nunca unha chamada deste concello, parece que me tiñan tachado cunha cruz", sinalou.
Durante máis de 60 minutos, o público de Soutomaior gozou dun monólogo no que falou da historia das orquestras e grupos galegos, do Entroido de Laza, dos Vidales, dunha viaxe a Londres ou das similitudes entre o galego e o inglés.

Da man de Carlos Blanco, os asistentes tomaron un café no Bar Arcade, fixeron o Camiño de Santiago, gozaron do primeiro amor de Tita Cervera, asistiron a unha retransmisión dunha procesión moi especial en Ferrol e descubriron o apartado de citas dun xornal local.
O programa de Normalización Lingüística 'Goza do teu Punto G, o galego dáche un Punto', que xa ten axendados máis espectáculos teatrais dirixidos ao público adulto, á mocidade e ao infantil familiar con propostas de grandes compañías.
Tarabela Creativa estará no Multiúsos o vindeiro 29 de marzo; Talía Teatro, o 10 de maio; Excéntricas, o 13 de abril; e o Centro Dramático Galego, o 6 de xuño.
Tamén haberá monólogos: Isa Risco estará o 11 de abril: Avelino González, o 23 de maio; Celsiño, o 30 de maio: e Arantxa Treus, o 16 de maio.