Ene e a súa paleta musical, o rosa e o morado que marcan o compás de IDOL!

Pontevedra
23 de marzo 2025

Ene xorde como unha nova voz no cómic galego, explorando a través das súas historias a música, a amizade e a presión da industria

Ene
Ene / Ene

Con 22 anos e criada en Viveiro, Ene (@eneksei) leva toda a vida debuxando e escribindo (incluíndo moitos fanfics que prefire manter no anonimato). 

Graduouse en O Garaxe Hermético no 2024 e, xunto coa súa amiga Alba, gañou o V Premio a Banda Deseñada da escola, o que lles permitiu publicar o seu cómic IDOL! coa editorial Xerais.

A obra explora a amizade e a presión da industria musical a través de Vega e Ámbar, dúas rapazas de 16 anos que concursan en IDOL! España, un talent show no que compiten por un contrato discográfico. 

Ene encargouse do guión e da cor do cómic, unha faceta na que puxo especial coidado.

A súa paixón polo cómic consolidouse ao descubrir 'Locas', de Jaime Hernández, obra que lle fixo ver que quería adicarse á banda deseñada de maneira profesional. 

Entre os seus gustos tamén destaca a música de tipas que berran moito e moi alto e a literatura pedante.

Nesta entrevista desenfadada, Ene preséntanos o seu traballo e a ela mesma dun xeito próximo e auténtico.

Saray: Se tiveses que definir IDOL! cun meme, cal sería?

Ene: Creo que é a pregunta máis complicada que me fixeron nunca. Hai tantos que custa moitísimo elexir, pero creo que quedaríame con dous: Para Vega calquera meme de Gustavo, a rá, sendo… pois o aleatorio que é, e para Ámbar prácticamente calquera do cabaleiro do Dark souls entrando cara á néboa. Son intercambiables entre elas.

Saray: Como foi traballar coa túa amiga para a creación do cómic? 

Ene: Unha experiencia moi chula. Foi o noso primeiro proxecto e por mor de telo feito nun tempo récord, alégrome moito de telo rematado con Alba. Sempre é un verdadeiro pracer traballar con artistazas coma ela.

Saray: As protagonistas son, dalgún xeito, un reflexo de cada unha?

Ene: Para nada foi intencional, pero tanto Ámbar e Vega coma Alba máis eu somos polos opostos. Queriamos buscar unha dinámica así e, á hora de facer o guion, si que baseei as nosas experiencias dentro do mundo do cómic, facendo un paralelismo co mundo da música. Paréceme moi interesante a dicotomía de dúas amigas tan distintas que se chegan a complementar nas súas carencias más grandes.

Saray: Nos traballos artísticos, algunha anécdota destacable pola súa singularidade?

Ene: Levo moi pouquiño na industria, pero creo que algo bastante gracioso que pasou foi relacionado precisamente coas entrevistas. Na primeira que fixemos pasan chamándome "Nen" todo o artículo, pero tampouco acaba aí. Teño un amplo historial de variacións do meu nome, así que xa podes imaxinarte o cachondeo que xurdiu despois cos colegas.

Saray: Como decidiches as cores para cada escena? Hai algún método ou emoción que guiou as túas decisións cromáticas?

Ene: O principio, cando Alba máis eu estábamos a facer o story (que é unha serie de bosquexos rápidos de cada páxina para planificar o tebeo), xa comezaba a decidir un pouco as paletas. Cada localización, máis que escena, ten unha cor predominante, fóra do subton rosa que acompaña a toda a historia. A zona de gravación é amarela pola sensación de agobio que pode chegar a transmitir, o escenario do teatro é iluminado con neóns que representan a cada personaxe en acción… Así, quixen tamén asignar unha cor a cada unha das integrantes tanto de Soap como de Bingsu.

Ene ilustrada por ela mesma
Ene ilustrada por ela mesmaEne

Saray: Que relación ves entre o guion e a paleta de cores que elixiches? Como se complementan?

Ene: A nivel de cor, quixen xogar todo o rato co rosa e o morado. O rosa significando todo o que está dentro do concurso ou industria, e o morado todo aquelo que quere saír da norma. Parecería que as tonalidades están atribuídas a cada unha das protagonistas, que tamén é unha lectura válida, pero intentei que se puidese ler máis alá diso. O tebeo empeza coas cores menos esaxeradas ata que no clímax, que e liches a BD xa sabes cál é, pasan directamente a cor plano e puro. De todos xeitos, calquera interpretación que queira darlle a xente vai ser correcta. Iso é o bonito de facer algo do que outra xente vai ser partícipe, aínda que sexa como lector.

Saray: Cales foron os maiores desafíos ao crear a atmósfera visual do cómic a través das cores?

Ene: Eu creo que acostumarme á linea de Alba e ao seu xeito de entintar, sobre todo, os fondos. Era a primeira vez, fóra de algún que outro traballo en clase, que traballabamos xuntas. Ademais, era o noso primeiro proxecto largo. Eu pasei de pintar con mancha a facer cell shading o máis limpo que puiden. Á hora de enfrentarme a ese reto, si que tiven moitos quebracabezas. En especial coa primeira páxina na que sae Ámbar tumbada no seu cuarto. Hoxe en día é unha das miñas favoritas, pero ben é certo que despois de rematar o tebeo, á hora de facer as correccións, tíivena que refacer practicamente de cero.

Saray: Cal é o teu talento oculto?

Ene: Ainda que non é moi oculto, o meu tempo libre adícoo á música. Canto blues e punk, ou o que me boten, e vou a bastantes jam sessions. Na casa, ainda que máis recelosa, si que toco pola miña conta a guitarra e o baixo, tentando compoñer algunha que outra cousa. Parte deste amor pola música foi o que inspirou todo o tebeo, xa que ainda que Alba máis eu non coincidamos nos xéneros, si que as dúas gozamos unha chea dela.

Saray: Como o cómic toma de base a cultura coreana e do kpop, programas como Produce 101 foron referentes na hora de representar o talent show?

Ene: Se son sincera, deberían selo. Sei que o foron na idea orixinal, antes de que me sumara ao proxecto. O máis parecido que eu coñecía era Operación Triunfo e algúns clips destes concursos que me tiñan saído en TikTok. Como tiñamos un espazo tan limitado en cuestión de páxinas, e mira que tivemos que recortar do guión orixinal, non me matei en demasía a investigar sobre eles. Queda como tarefa hiper pendente, iso si, no caso de continuar coa historia de Ámbar e Vega.

Saray: Se puideses facer un crossover que personaxes ou personalidades elixirías?

Ene: Probablemente ao Doctor e a Donna Noble de Doctor Who. Non sei, creo que o daría todo no concurso e imaxinarnos falando con Vega e Ámbar faime toda a coña. Creo que Donna e Ámbar se levarían ou moi ben ou moi mal, sen punto medio. As dúas teñen a mesma mala hostia.

Saray: Se Vega e Ámbar fixesen unha playlist conxunta en Spotify, como se chamaría e cal seria a vibra?

Ene: É bastante difícil pensalo, porque unha escoita k-pop e a outra pop-punk edgy de chaval emo de 13 anos. As dúas coincidirían en temazos de Vocaloid antigüos (mais que nada porque non coñezo os modernos) como Tengaku, Lost one’s weeping, Suki-Kirai… Tamén acabaríanse influenciando unha á outra, pero creo que a súa playlist tería un nome extremadamente chorra e cunha escoitada poderíase saber quen meteu que tema. Igual algo como A macedonia.

Saray: Hai algo que queiras dicirlle ao teu "eu" do futuro? 

Ene: Diríalle algo que, dende o 2025, espero que todo siga o seu curso, que as cousas parecen que van a mellor. Sei, no fondo, que poderás con calquera cousa que aturen ao teu carón. Non olvides a rabia, que motiva moito, e segue cantando e desfrutando das cousas que máis che gustan neste mundo. Ah, e non esquezas de rematar a pila de libros do salón algún día, que como creza máis acaba no teito.