O Encontro Pontevedra Literaria fai da capital un centro de debate sobre as letras

Pontevedra
17 de outubro 2024
Actualizado: 18 de outubro

Participan tanto autores consagrados como escritores emerxentes ou integrantes da industria

Inauguración do Encontro Pontevedra Literaria
Inauguración do Encontro Pontevedra Literaria /

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle dende este xoves o primeiro Encontro Pontevedra Literaria.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, afirmou que a organización desta actividade é a resposta do goberno provincial ao interese e talento da mocidade da provincia polas letras e as artes.

Tamén dixo que este Encontro está deseñado para facer da capital da provincia un centro de debate sobre as letras no que teñen voz tanto autores consagrados como escritores emerxentes ou integrantes da industria.

A xornada inaugural comezou cunha actuación musical a cargo de Xacobe Medina.

Despois do discurso inaugural de Luis López, o escritor pontevedrés Manel Loureiro protagonizou unha charla coa presentadora do acto, a xornalista Susana Pedreira, quen moderou tamén a mesa redonda que deu continuidade ao programa.

O debate xirou arredor do lema deste encontro que é "vivir das letras" e nel participaron as escritoras Arantza Portabales, Ángela Banzas e o columnista Rafa Cabeleira.

A interpretación dunha nova peza musical a cargo de Xacobe Medina clausurou unha xornada que terá continuidade este venres cunha conferencia a cargo do escritor hispanoamericano Hector Abad Faciolince e cunha mesa redonda con Sandra Ferreiro, Rodrigo Cota, Alexander Vórtice e Xulio Teixeira, xunto co recital dun poema de Borges e a actuación musical de Andrea García nun programa dirixido pola xornalista Bibiana Villaverde e no que participará tamén o deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela.