Encontro da música tradicional galega na quinta edición do Son da Gaita

Poio
23 de outubro 2024

O vindeiro domingo, 27 de outubro, o Pazo Besada en Poio acollerá o Son da Gaita, acto estruturado en catro bloques con actuacións de grupos, presentacións, solistas e un xantar-foliada

Presentación da quinta edición do Son da Gaita
Presentación da quinta edición do Son da Gaita / Concello de Poio

O vindeiro domingo, 27 de outubro, o Pazo Besada en Poio acollerá a quinta edición doSon da Gaita, un evento que se consolida como punto referencial para os seguidores da música tradicional galega.

O certame, que comeza ás 10.45 horas, reúne a algúns dos máis destacados gaiteiros e gaiteiras das catro provincias galegas, ofrecendo unha oportunidade única para gozar da riqueza e diversidade da nosa música tradicional.

Organizado pola Asociación Cultural Pai da Cana, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio, o Son da Gaita busca ser un espazo de difusión e convivencia para músicos tradicionais, artesáns e investigadores. 

O evento estrutúrase en catro bloques principais:

  1. Actuación de grupos: Ventureira (Dena), Picuíña (Marín) e @s Folieir@s (Lavadores), a partir das 11.00 horas.

  2. Presentacións ás 11.45 horas: Inclúe o álbum "Ansuíña" do grupo homónimo de Vilanova de Arousa; a triloxía discográfica de Xoán Carlos Rilo; e unha charla do artesán Oli Xiráldez sobre a construción de instrumentos tradicionais.

  3. Actuacións de solistas: Destacan figuras como Pedro Lamas, Pablo Carpintero, José Manuel Mojón, Sabela Olivares e Iván Costa.

  4. Xantar-foliada a partir das 15.00 horas: Un encontro gastronómico e musical no restaurante Casa Laura en Campelo.

A asistencia aos bloques de grupos e presentacións é gratuíta, mentres que o apartado de solistas ten un custo de 10 euros.

O xantar ten un prezo de 30 euros por persoa.

Debido á limitada capacidade, é necesario reservar praza a través do correo electrónico acpaidacana@gmail.com. As últimas prazas dispoñibles estarán abertas ata o venres 25 de outubro.

A Asociación Cultural Pai da Cana xa confirmou o seu compromiso de seguir mellorando e ampliando o formato do evento para futuras edicións, co obxectivo de dar maior visibilidade aos principais gaiteiros, artesáns, investigadores e divulgadores da música tradicional galega.

O Son da Gaita pon o foco nos artesáns e investigadores, presentando as últimas novidades na construción de gaitas e as publicacións máis destacadas sobre o instrumento.

A concelleira de Cultura e Educación de Poio, Natalia Sabarís, xunto co presidente da asociación, Óscar Ibáñez, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron a programación deste certame no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela.