En quince días arranca o Atlantic Fest

O Salnés
16 de xuño 2017

Nuns días abrirá as portas da segunda edición de Atlantic Fest. Un espazo que é máis que un festival, un punto de encontro para amigos e familias que buscan romper a rutina nunha contorna incomparable, a Illa de Arousa

Presentación do Atlantic Fest
Presentación do Atlantic Fest /

Nuns días abrirá as portas da segunda edición de Atlantic Fest. Un espazo que é máis que un festival, un punto de encontro para amigos e familias que buscan romper a rutina nunha contorna incomparable, a Illa de Arousa.

O director do Atlantic Fest, Antonio Caneda, destacou o carácter diúrno do festival, onde se centra a súa maior actividade. O seu carácter familiar e converter toda a illa no recinto é o que o diferencia dos demais eventos musicais. Destacou tamén o apoio aos grupos galegos, ademais de contar con grandes nomes do ámbito nacional e internacional.

Esta segunda edición vén marcada pola calidade da aliñación do seu cartel que reúne dúas das actuacións máis esperadas a nivel nacional, a de Los Planetas, que acaban de publicar novo disco despois de sete anos, ou a de Lori Meyers que van colgando o cartel de non hai entradas en todas as súas actuacións. Ambos subirán ao escenario o día 1 de xullo.

Como tamén o farán o mesmo día e no mesmo escenario bandas internaciones de primeiro nivel como The Temper Trap ou Maxïmo Park, que se atopan de xira nos mellores festivais do mundo.

Non podemos esquecernos a actuación de Rosalía & Raül Refree, que tocarán o día 30 de xuño no escenario Turismo Rías Baixas. Flamenco e vangarda cunha das voces máis carismáticas e especiais do panorama musical actual. 

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, confesou que está marabillada cada vez que na axenda ve que ten que visitar a Illa de Arousa e contou como anécdota que xa o actor Carlos Blanco comentáralle que este lugar é un segredo que hai que manter para que non veña demasiada xente. Destacou ademais ás súas marabillosas xentes, sobre todo ás súas mulleres. Aproveitou para confirmar a súa asistencia ao festival xa que é unha gran fan de Los Planetas.

A escena musical galega vive un dos seus momentos máis prolíficos, con propostas como as que forman parte de Atlantic Fest. Sen Senra, Puma Pumku, Dois... son nomes que soan con forza entre os círculos máis selectos.

O festival inclúe actividades para os máis pequenos como talleres de marionetas ou instrumentos feitos con materiais reciclados, talleres musicais, A Caixiña dos Mistos de Gadis...

O ano pasado comezaron as Actividades Náuticas Movistar. Este ano, á exhibición das campioas do mundo da clase 49er FX, Támara Echegoyen e Berta Betanzos, a organización engadiu actividades náuticas gratuítas para toda a familia como kaiak, paddle surf... Para participar só hai que presentarse coa pulseira do festival na Praia do Bao. Ademais programaron unha limpeza de praia coa exregatista, ouro olímpico (Barcelona 92 e Atlanta 96), Theresa Zabel.

A Zona Gastro volve un ano máis cargada de sorpresas, cun escenario segredo, do que, desvelaron xa varias actuacións, unha delas, a dos granadinos Apartamentos Acapulco.

O Mercado Galician Tunes trae novidades, que Jacobo Sutil, director de Agadic e responsable da plataforma, destacou como o aumento da programación de showcases e sinalou o apoio que ás bandas dáselles desde o festival e desde a plataforma con máis de 400 inscritos.

A zona de acampada gratuíta para os asistentes ao festival atópase nunha zona tranquila, nunha contorna de ilusión, unha zona arborada dunha praia bandeira azul, Area da Secada. Desde alí sairán os autobuses gratuítos que a organización pon a disposición dos asistentes do festival durante toda a xornada do 1 de xullo, con paradas no pobo e no recinto.

Esta marabillosa contorna é o que resaltou Rosa Carballo, xerente Galp Ría de Arousa, e agradeceu á organización o excelente traballo para potenciar as zonas do litoral da comarca. O director técnico de Galicia Calidade, Javier de Miguel, sinalou que o festival ten todos os requisitos para estar dentro da marca que é garantía de todos os galegos.

Así mesmo o alcade de Illa de Arousa, Carlos Iglesias, agradeceu a todo o equipo do concello o esforzo que realiza para axudar á organización en todos os labores de preparación do evento.