En Ciencias da Educación e do Deporte 'a poesía dá a nota'

Pontevedra
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Ciencias da Educación e do Deporte conmemora o Día da Poesía. Estudantes, docentes e persoal do centro protagonizaron un recitado de poemas

A facultade acolleu un acto conmemorativo do Día Internacional da Poesía
A facultade acolleu un acto conmemorativo do Día Internacional da Poesía /

O Día Internacional da Poesía, que se conmemora este xoves 21, é unha das datas sinaladas na actividade da Rede de Escolas Unesco, da que forma parte da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Por terceiro ano consecutivo celebrouse un acto conmemorativo, no que unha decena de estudantes, docentes e persoal da facultade deron lectura a poesías en diferentes idiomas, en varios dos casos con acompañamento musical.

Esta actividade levaba por título 'A poesía dá a nota' e contou coa participación do que fóra tamén docente desta facultade ata a súa xubilación, Marco Lucato, encargado tanto das pezas musicais que puxeron apertura e peche ao acto como de acompañar ao piano varios dos participantes. 

As escollas realizadas polas persoas participantes neste recitado permitiron escoitar versos en diferentes idiomas. Entre eles, autores galegos como Isaac Xubín ou Celso Emilio Ferreiro, nunha peza que o estudante Raúl Mera interpretou ao piano, tamén escritores en lingua castelá, como Ángel González. 

Por outra banda, a profesora de Fisioterapia Iris Machado recitou, acompañada por Lucato ao piano, uns versos do músico e poeta brasileiro Vinícius de Moraes, mentres que Gloria Pérez e Suso Castro, do Programa Universitario de Maiores, leron en francés e portugués un poema de Victor Hugo, tamén con acompañamento ao piano. Ao mesmo tempo, este acto permitiu coñecer tamén poesías escritas polo propio alumnado participante, como foi o caso de Laura Novas, Xelo Teijido, Diego Bará ou da estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte Uxía Bethencourt, que deu lectura ao seu primeiro poema.  

Esta actividade foi promovida pola Comisión Plan Escolas Asociadas á Unesco deste centro e o grupo de innovación docente MeReLing e coordinada polos docentes Ana Acuña e Carlos Valcárcel.

"Parécenos, dende logo, moi importante abrir a poesía a todo o mundo", sinalou Acuña, que lembrou que "a relación entre música e poesía" foi unha das cuestións abordadas por Luísa Villalta, a autora á que se lle dedica neste 2024 o Día das Letras Galegas.