A sexta edición de Novos Cinemas xa ten gañadores, tras desvelar este domingo a organización a súa palmarés de 2021 despois de seis xornadas na que o festival proxectou 24 películas de máis dunha vintena de cineastas emerxentes.
O Xurado Internacional formado polo cineasta Álvaro Gago, a programadora Inês de Lima e a música e actriz Cora Velasco, outorgou o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial ao filme 'Eles transportan a morte', de Helena Girón e Samuel M. Delgado, destacando que se trata de "un filme que esculpe a través da súa materialidade sensible e agreste unha fantasmagoría que nos infecta e asómbranos", entre outras cousas porque "filma corpos coma se fosen paisaxes", sinalan.
Ademais outorgouse unha mención especial a 'Actual People', de Kit Zauhar, "por ser unha aposta valente, xenerosa e delicada, que explora a complexidade do proceso da procura identitaria desde un lugar vulnerable e baixo o abrazo continuo da beleza contida no fracaso".
Pola súa banda o Xurado Novo composto por estudantes da Universidade de Vigo concedeu o Premio á Mellor Dirección da Sección Oficial a 'Clara Sola', de Nathalie Álvarez Mesen "por ser unha visión moi orgánica cunha exposición dos personaxes moi complexa, sen estigmatizar. Un tema tratado con sensibilidade, onde se presentan moi conectadas a relación entre os personaxes, a natureza e o espiritual".
Outorgan tamén unha mención especial por votación a 'Rendir los machos', de David Pantaleón, entre outros aspectos, "por como traballa a composición, a fotografía e a sucesión dos planos".
O Premio do Público, escollido polas persoas que asistiron ás proxeccións, recaeu tamén en 'Rendir los machos', de David Pantaleón.
En canto ao Premio Latexos, o xurado desta categoría decidiu que sexa para '918 Gau', de Arantza Santesteban, por "a maneira que ten a directora de contar un conflito político desde o íntimo, facéndoo de forma arriscada, coherente e con concisión cinematográfica".
O Premio do Xurado da Crítica foi para 'Re Granchio', de Alessio Rigo de Righi e Matteo Zoppis "por ser capaz de transmitir a experiencia dos relatos orais europeos e latinoamericanos manexando con mestría os ritmos de narración".
Por último nesta última categoría o xurado outorgou unha mención especial a 'No existen 36 maneras de mostrar cómo un hombre se sube a un caballo', de Nicolás Zukerfeld.
Palmarés edición 06 from Novos Cinemas on Vimeo.