Durante o últimos dez anos, Adrián Torres dedicouse á música de maneira profesional, interpretando versións doutros artistas en festas e todo tipo de eventos. Ata que un día atreveuse a dar o paso, superou os seus medos e empezou a cantar as súas propias vivencias. Agora, aos seus 35 anos, reúneas todas no seu primeiro disco, que presenta o 25 de maio no Bar O'Spa de Vilalonga.
"Falo de vivencias en xeral. Falo de vivencias, de maneiras de ver, de sentir, de chorar as rúas, de chorar os bares". Así resume Adrián este disco e, precisamente, para darlle nome, escolleu un acontecemento vital. Non uno seu, senón dun amigo. "Elarte" en la calle é o título da súa obra debut, o mesmo dunha canción que relata o ocorrido a un compañeiro músico que tivo problemas mentres estaba a tocar en plena rúa nun día de inverno.
"Enfadeime moito e fixen unha canción", comparte Adrián Torres, que pon alma e corazón en cada unha das nove cancións que compoñen este primeiro disco.
Natural de Pontevedra, aínda que agora residente no Grove xunto á súa esposa e fillos, con este disco fai realidade un proxecto que comezou antes do confinamento pola pandemia do coronavirus. Empezara a gravalo, pero chegou a crise sanitaria para interrompelo e logo a vida levouno por outro camiño.
Ata que, finalmente, deu o paso. Recoñece que lle daba "moita vergoña" cantar as súas propias cancións, pero os seus amigos e familia animárono e, neste disco, recolle "toda a miña bagaxe musical", con propostas que van do tango ao pop ou estilos máis rockeiros.
A súa voz lembra á de cantantes como Ismael Serrano e, guitarra en man, conta "a miña historia", a que resultou de dez anos de versións e das súas experiencias vitais. "Por fin", recoñece, cumpriu o seu soño. "Tardei moito en quitarme os nervios de contar as miñas vivencias", pero fíxoo e agora deixa atrás unha década na que imprimía o seu estilo ás cancións que interpretaba, pero eran as doutros.
E é que confesa que "non é o mesmo cantar cousas propias, que saen do corazón e que saen das miñas mans". E nas que se recoñece a se mesmo e aos seus amigos. Como en Niño Salvaje, por exemplo, un tema "moi especial" que fala dun amigo e é tamén unha foto mental do seu fillo maior subido aos lobos dun cabalo deste amigo. Puro sentimento.
As cancións xa poden escoitarse en plataformas como Spotify ou Youtube e a súa posta de longo será no Bar O'Spa de Vilalonga o 25 de maio ás 22.00 horas. Para este debut, acompañarano Rafa Morales no baixo, Jose na guitarra, Julio na percusión, Jacobo no teclado, Chavo na frauta travesera e, aos coros, Olga, Mosca.
A presentación de "Elarte" en la calle será o momento no que se xunten todos despois dun tempo ensaiando e, despois do verán, non descartan encarar un proxecto conxunto de toda a banda.