Elahood, Ixa e Daniel Rodríguez danzarán o 7 de xullo no Rebulir de Soutomaior

Soutomaior
30 de xuño 2024

Tres destacadas compañías do panorama nacional interactuarán co espazo natural da Carballeira do Peirao de Arcade e todos os públicos poderán gozar desta cita, que inclúe obradoiros e espectáculos

Silvia Cernadas presenta O Rebulir
Silvia Cernadas presenta O Rebulir / Concello de Soutomaior

O domingo 7 de xullo a danza será a protagonista da xornada na Carballeira do Peirao de Arcade, en Soutomaior. Acollerá a primeira edición do Festival de Danza Contemporánea do municipio, O Rebulir.

A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, presentou esta fin de semana o festival e explicou que inclúe obradoiros e espectáculos de balde. Para os obradoiros non se precisa inscrición previa, simplemente se pode participar no que se desexe unha vez chegado ao punto de desenvolvemento do mesmo. 

O Rebulir nace como un festival de danza contemporánea que mestura cultura e natureza e que vai ser referencia na contorna.

Tres destacadas compañías do panorama nacional interactuarán co espazo natural da Carballeira do Peirao de Arcade e todos os públicos poderán gozar desta cita.

A programación comezará pola mañá con actividades formativas. Ás 11:00 horas haberá obradoiro de danza contemporánea coa compañía Elahood destinado a público xuvenil e adulto.

Ás 12:00 horas, a cita estará protagonizada pola compañía de Daniel Rodríguez e o obradoiro estará destinado para o público infantil e familiar. 

Pola tarde chegará a quenda dos espectáculos. Ás 20:00 será 'Intempestiva', de Elahood. Ás 20:45 horas, será 'Ollos cara adentro' da compañía Ixa. Ás 21:00 horas o espectáculo programado será 'A raíz', de Daniel Rodríguez.

Xa a partir das 21:30 horas, está previsto un coloquio coas compañías participantes.

Silvia Cernadas explicou que buscan que "a danza tamén forme parte da completa programación cultural" do Concello.